CONTRA A OPRESIÓN DAS MULLERES. NUNCA MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO


Día Internacional contra a Violencia de Xénero
25 de Novembro de 2006


Moitas veces temos denunciado que a violencia de xénero ten a súa orixe na desigualdade, na construción social que fai diferentes a homes e mulleres e nos asigna a nós, as mulleres, o papel subordinado, e aos homes, o papel do poder.

Pero cando denunciamos isto semella que deixamos a solución do problema da violencia de xénero para unha sociedade futura e que as propostas para irmos avanzando son de tipo legal ou xudicial: castigo aos maltratadores, violadores, acosadores...; leis contra a violencia de xénero, lei de igualdade, etc. Somos conscientes de que todo isto non é suficiente.

Cando propoñemos e esiximos leis, pretendemos que a sociedade recoñeza o problema e que as institucións cumpran co seu papel de garantir que toda a cidadanía teña os mesmos dereitos e obrigas. Coa esixencia do desenvolvemento das leis e a creación de servizos asistenciais, policiais e xurídicos, pretendemos que as vítimas de violencia teñan a atención que precisan. A esixencia de medidas concretas en servizos fundamentais como saúde mental e ensino, a optimización dos recursos e a ampliación de orzamentos para desenvolver as leis e novas medidas para complementalas, son os requisitos mínimos esixíbeis nunha sociedade democrática que non é quen de eliminar a violencia de xénero e a desigualdade.

Neste 25 de Novembro, queremos espallar a idea do RESPECTO como un valor fundamental para rematar coa violencia de xénero. E cando falamos de respecto non nos estamos referindo a eses regulamentos de urbanidade tales como abrirnos a porta ou deixarnos o asento. Falamos de algo moito máis profundo e necesario: a consideración, a estima, o ternos en conta, a valoración das nosas opinións, aptitudes, traballos, ideas; o respecto aos nosos desexos, ás nosas decisións. Non para darnos a razón, non para cumprir sempre os nosos desexos, senón simplemente para poder vivir en democracia, onde cada persoa ten o mesmo valor que outra, non só para votar, senón para expresarnos, traballar, estudar, equivocarnos, decidir a nosa sexualidade, as nosas amizades, a nosa propia vida.

Basta xa de tratarnos como raíñas e non deixarnos decidir; de idolatrarnos como a deusas e desprezar a nosa forma de ser; de querernos como a súa posesión máis prezada e pecharnos dentro de catro paredes; de beatificarnos como a santas, sempre que esteamos dispostas a cumprir todos os seus desexos; de mimarnos como a nenas para privarnos da nosa capacidade de gobernar a nosa propia vida; de admirar a nosa abnegación e seguir negándonos o pan e a sal.

Non existimos, como afirman moitas relixións, para que os homes non estiveran sos. Somos persoas, mulleres de carne e óso, con virtudes e defectos, afectos, paixóns, desexos, ideas,... Con razón ou sen razón, sempre, sempre, sempre, merecemos que se nos trate con respecto.

RESPECTO
ás miñas diferencias, os meus desexos, a miña sexualidade, a miña historia, a miña capacidade de decidir, de pensar, de traballar, de gozar, de decidir sobre a miña vida, a miña sexualidade, as miñas amizades, sen discriminacións, sen violencia, sen estereotipos, sen sexismo, sen machismo

.
Participa nas mobilizacións e accións convocadas no noso país...
Ver máis: [+]