LIBERDADE TELMO E IUSSA. BASTA XA DE REPRESIÓN CONTRA A CLASE OBREIRA

No dia de hoxe, mércores 9 de marzo, véspera do Dia da Clase Obreira Galega fóron detidos pola Guarda Civil os militantes da Central Unitaria de Traballadores Telmo Varela (Secretario Comarcal en Vigo) e Iussa Prado.

Sen coñecer os “motivos” ou pretextos alegados os responsábeis da seguridade do estado burgués para proceder á súa detención queremos deixar patente o noso absoluto rexeitamento e protesta contra medidas represivas cada vez máis brutais contra compañeiros/as e camaradas que combaten contra o capital e o seu réxime, entregando a súa vida de xeito exemplar ao servizo da clase obreira, do conxunto do povo traballador galego e dos nosos direitos irrenunciábeis, cada vez máis pisoteados pola patronal e os seus “demócratas” valedores, institucionais ou mediáticos.

Os compañeiros detidos son coñecidos polo conxunto do povo de Vigo por estar na vangarda do combate do noso proletariado, singularmente do sector naval, e a súa detención non se debe máis que á resposta nervosa dun réxime anti-obreiro que tenta dar, como din os seus voceiros, “exemplar escarmento” á loita digna e decidida do noso povo, como fixeron aínda non hai moito co mozo traballador Miguel Nicolás e, antes, con outros fillos do noso povo aos que teñen presos pola súa rebeldía contra contra o grande capital ou contra os que agreden a Terra , contra a súa ofensiva opresora e esclavista apoiada nos seu solícitos aparellos de estado.

Por último, expresamos a nosa incondicional solidariedade e apoio con Telmo, Iussa, Miguel , así como con todos os demáis detidos galegos privados da súa liberdade. Adiante a rebelión da clase obreira!

Partido Comunista do Povo Galego