VALORACIÓN DA FOLGA DO METAL DO SUL DA GALIZA


Segundo comunicado do PCPG
Leccións dunha mobilización ejemplar

O día 3 de maio daba comezo a folga das/os traballadoras/es do Metal da provincia de
Pontevedra para faceren presión á patronal na negociación do convenio colectivo do sector.
Baixos salarios, emprego somerxido e temporal, xornadas de até 16 horas, subcontratas, alta sinistralidade laboral, desregulamento e barbarie explotadora configuran a realidade deste sector altamente precarizado e xuvenil, cuxo nivel de organización, unidade e loita, a súa capacidade mobilizadora e a súa tradición sindical defíneno como a vangarda do proletariado galego. Máis de 20.000 metalúrxicas/os exercitaron a democracia obreira en asembleas diarias durante unha histórica folga na que comezaron a forxárense novos cadros do futuro sindicalismo de clase.

A barbarie policial acudiu en apoio da barbarie patronal cunha salvaxe carga que tivo o custode 13 detidas/os e ducias de feridas/os, entre eles un obreiro esmagado pola furgoneta da policía e outro compañeiro ao que un pelotazo de goma baleirou un ollo. Así respondía o réxime, neste caso en forma de goberno PSOE, ás presións da patronal, coa tácita luz verde do bipartito autonómico, que non impediu a actuación do Subdelegado do Goberno español en Pontevedra, responsábel directo da acción represiva.

Na madrugada do día 11, para o que estaba prevista a extensión da folga a todo o sector, grandes estaleiros e automoción, con apoio do estudantado, as direccións sindicais abortan a folga xeral do sector, acadando un preacordo que só recolle dúas das nove propostas de puntos para o convenio, rompen a unidade das/os traballadoras/es e gañan a votación por unha axustada e incerta marxe nunha asemblea de miles de traballadoras/es na que o megáfono téñeno tres, isto é, os representantes das cúpulas pactistas, amarelas e claudicantes de CC. OO. e UGT, no contexto da máxima deriva reformista e burocrática e da sinatura da Reforma Laboral, e, lamentabelmente, co concurso vergonzoso da CIG, que defraudou dun xeito manifesto tanto as súas reivindicacións á fronte desta folga (coa agravante de que esta central é maioritaria neste sector, en toda a provincia) como as súas proclamas contra a reforma Laboral e a precariedade coas que encabezou o recentemente celebrado 1.º de Maio.

Sen negar os tímidos avances conseguidos con este convenio, pregoados polas cúpulas
sindicais e a propaganda triunfalista da práctica totalidade dos partidos da esquerda sistémica, temos que dicir con toda rotundidade que non estamos satisfeitas/os nin co acordo nin cos métodos empregados para conseguilo.

Estamos seguras/os de que había forzas máis que suficientes para acadar a maioría dos puntos reivindicativos sobre os que se articulou esta folga.
Mais a loita continúa e esta mobilización exemplar da vangarda do noso proletariado é tamén unha grande ensinanza para o futuro que pon máis unha vez de manifesto as limitacións na dirección e organización da loita de clases no noso país, e non só para facer responsábel delas ao modelo sindical pactista, burocrático e profesional. Tamén está a nosa incapacidade, cando menos momentánea, para impulsarmos desde a autoorganización a vertebración efectiva do modelo combativo, sociopolítico, de clase e verdadeiramente asembleario que tanto proclamamos.
Adiante, pois, coa unidade obreira e o agrupamento da parte máis consciente e combativa do sindicalismo para construírmos esa organización de verdadeira resistencia e ofensiva de clase que precisan a clase obreira e o pobo galego.

CN do PCPG
Galiza, 25 de maio de 2006

TODOS SOMOS DO METAL!


Comunicado Partido Comunista do Povo Galego
En solidariedade coa folga do metal no sul de Galiza


Despois dunha loita exemplar, os/as traballadores do metal, en folga por un convenio xusto, xa recibiron unha primeira resposta do réxime: detidos e encausados e, alén diso, moitos feridos causados pola brutal represión policial ao servizo da patronal.
Velaí o significado de algunhas palabras baleiras para a nosa clase traballadora: "dereito á folga e manifestación".
Hai aínda poucos días comemorábamos o 1º. de maio, aniversario dunha histórica loita obreira internacional pola xornada de 8 horas.
- Nos asteleiros da Galiza do 2006, nas chamadas "auxiliares" da naval e en multitude de pequenas empresas do sector (contratas e subcontratas) estanse a levar a cabo xornadas de até 16 horas ininterrumpidas.
- En condicions hixienicas e de seguridade inhumanas, na maior das precariedades contractuais e con salarios miserábeis.
- Os afectados máis numerosos son mozos. Un 70% de temporalidade, explotación sen taxa e cargas policiais brutais son a "benvida" ao mundo laboral que lles ofrece á nosa mocidade traballadora este sistema ao servizo dunha patronal insaciabel.
Mais quen pense que isto é cousa dun sector productivo, só do metal ou dos asteleiros (un dos máis estratéxicos e tradicionais da economía galega) anda enganado. Os contratos de dias, as xornadas de 16 horas e o risco permanente de sinistro laboral son o pan de cada dia de moitos milleiros de traballador@s (construcción, transporte, textil, telemárquetin, servizos…), producto dunha sobreexplotación avalada polos pactos e contrareformas asinados polas cúpulas dos sindicatos maioritarios españois CC.OO e UGT.
A única alternativa que nos ofrecen fronte á emigración endémica á que condenan a unha parte significativa da nosa mocidade traballadora.
Os compañeiros e compañeiras do metal están a loitar polo que nos afecta a tod@s, polo que con moita probabilidade afectará os nos@s fill@s, ainda pior se non se lle pon fronte e remedio.
DESREGULACION, NEOLIBERALISMO SALVAXE, BARBARIE LABORAL E BRUTALIDADE POLICIAL son o día a día de moit@s, e serano de moit@s máis se loitas como esta non reciben o noso apoio máis decidido.
O apaleamento policial dos folguistas e a furgona tentando esmagar a un obreiro polo chan é todo un símbolo desa barbarie. Non se trata de cargas "desmesuradas nen desproporcionadas", trátase de un sistema que non está disposto a recuar un anaco diante das xustas aspiracions d@s traballador@s. Non polas boas.
Os comunistas do PCPG sentímonos profundamente indignados/as e maniféstamonos profundamente solidarios coa loita do metal.
Sentímonos orgullosos da combatividade amosada pola nosa clase traballadora e valoramos altamente todos os comunicados e manifestacións de apoio á mesma, que chegan de todos os sectores do noso país, especialmente aqueles que se pronuncian por unha xornada nacional de loita e chamamos a tod@s a pronunciarse neste mesmo senso.
A liberacion dos folguistas que ven de ter lugar foi un grande éxito, o primeiro froito, desta mobilización exemplar da nosa clase a prol dos seus compañeiros detidos que amosa o enorme potencial da unidade e loita decidida da clase obreira galega.
Mais que nunca rexeitamos a parcialidade intoxicadora da grande maioría dos medios e reivindicamos o dereito lexítimo da clase traballadora a a defender os seus dereitos ameazados.
Chamamos ao povo de Vigo, ao conxunto dos/as traballadores a apoiar esta mobilización, a proseguila e extendela con todos osmedios até conseguir todos os obxectivos.
TOD@S SOMOS O METAL!, VIVA A LOITA DO METAL POR UN CONVENIO DIGNO!.
NON Á BARBARIE CAPITALISTA!, NON MÁIS REPRESIÓN!
DIMISION DO SUBDELEGADO DO GOBERNO DELFIN FERNANDEZ!
VENCEREDES!, VENCEREMOS!.
Galiza, 9 de Maio de 2006.