VALORACIÓN DA FOLGA DO METAL DO SUL DA GALIZA


Segundo comunicado do PCPG
Leccións dunha mobilización ejemplar

O día 3 de maio daba comezo a folga das/os traballadoras/es do Metal da provincia de
Pontevedra para faceren presión á patronal na negociación do convenio colectivo do sector.
Baixos salarios, emprego somerxido e temporal, xornadas de até 16 horas, subcontratas, alta sinistralidade laboral, desregulamento e barbarie explotadora configuran a realidade deste sector altamente precarizado e xuvenil, cuxo nivel de organización, unidade e loita, a súa capacidade mobilizadora e a súa tradición sindical defíneno como a vangarda do proletariado galego. Máis de 20.000 metalúrxicas/os exercitaron a democracia obreira en asembleas diarias durante unha histórica folga na que comezaron a forxárense novos cadros do futuro sindicalismo de clase.

A barbarie policial acudiu en apoio da barbarie patronal cunha salvaxe carga que tivo o custode 13 detidas/os e ducias de feridas/os, entre eles un obreiro esmagado pola furgoneta da policía e outro compañeiro ao que un pelotazo de goma baleirou un ollo. Así respondía o réxime, neste caso en forma de goberno PSOE, ás presións da patronal, coa tácita luz verde do bipartito autonómico, que non impediu a actuación do Subdelegado do Goberno español en Pontevedra, responsábel directo da acción represiva.

Na madrugada do día 11, para o que estaba prevista a extensión da folga a todo o sector, grandes estaleiros e automoción, con apoio do estudantado, as direccións sindicais abortan a folga xeral do sector, acadando un preacordo que só recolle dúas das nove propostas de puntos para o convenio, rompen a unidade das/os traballadoras/es e gañan a votación por unha axustada e incerta marxe nunha asemblea de miles de traballadoras/es na que o megáfono téñeno tres, isto é, os representantes das cúpulas pactistas, amarelas e claudicantes de CC. OO. e UGT, no contexto da máxima deriva reformista e burocrática e da sinatura da Reforma Laboral, e, lamentabelmente, co concurso vergonzoso da CIG, que defraudou dun xeito manifesto tanto as súas reivindicacións á fronte desta folga (coa agravante de que esta central é maioritaria neste sector, en toda a provincia) como as súas proclamas contra a reforma Laboral e a precariedade coas que encabezou o recentemente celebrado 1.º de Maio.

Sen negar os tímidos avances conseguidos con este convenio, pregoados polas cúpulas
sindicais e a propaganda triunfalista da práctica totalidade dos partidos da esquerda sistémica, temos que dicir con toda rotundidade que non estamos satisfeitas/os nin co acordo nin cos métodos empregados para conseguilo.

Estamos seguras/os de que había forzas máis que suficientes para acadar a maioría dos puntos reivindicativos sobre os que se articulou esta folga.
Mais a loita continúa e esta mobilización exemplar da vangarda do noso proletariado é tamén unha grande ensinanza para o futuro que pon máis unha vez de manifesto as limitacións na dirección e organización da loita de clases no noso país, e non só para facer responsábel delas ao modelo sindical pactista, burocrático e profesional. Tamén está a nosa incapacidade, cando menos momentánea, para impulsarmos desde a autoorganización a vertebración efectiva do modelo combativo, sociopolítico, de clase e verdadeiramente asembleario que tanto proclamamos.
Adiante, pois, coa unidade obreira e o agrupamento da parte máis consciente e combativa do sindicalismo para construírmos esa organización de verdadeira resistencia e ofensiva de clase que precisan a clase obreira e o pobo galego.

CN do PCPG
Galiza, 25 de maio de 2006