Aulas baleiras e unha manifestación de máis de medio milleiro de estudantes é o resultado desta primeira mobilización local polo uso do galego no sistema educativo.
A manifestación saiu da Praza dos Cabalos e realizou un percorrido polas principais rúas do centro de Vigo, até rematar fronte á Delegación da Xunta nesta cidade, sendo escoltada por policias antidisturbios, nun ambiente festivo e combativo que centrou as reivindicacións na língua e na soberanía de Galiza.
Berros como "Na Galiza en Galego", ou "Queremos estudar en Galego", estiveron acompañadas de reclamacións de soberanía para o noso país e críticas tamén para "Galicia Bilingüe", os defensores do uso do español na Galiza.
A mobilización rematou coa lectura dun manifesto por parte dun estudante onde sinalaban que "para o Foro da Mocidade de Vigo a verdadeira normalización é camiñar cara o monolingüismo galego no ensino e na sociedade en xeral".