NON Á AGRESIÓN IMPERIALISTA CONTRA O POVO LIBIO E A SÚA SOBERANÍA

Os senhores da guerra decretaron outra agresión armada ao servizo da súa orde imperial, do grande capital, dos intereses EUA e dos seus aliados da OTAN.
Fano co “aval” do antidemocrático e mal chamado “Consello de Seguridade” das Nacións Unidas e co apoio dos seus medios de manipulación masiva e xustifícano cos pretextos hipócritas das súas políticas de duplo raseiro, mais ben chamadas «intervencións humanitarias», como fixeron sempre.
Outra vez, como aconteceu antes no Iraque, en Iugoslavia ou no Afganistán, o verdadeiro móbil desta siniestra intervención imperialista é o control dos imensos recursos da zona e o dominio militar e político por via da violencia extrema, ao servizo das oligarquias explotadoras que levan o mundo ao desastre. Umha nova volta de rosca contra a soberanía dos povos, de todos, contra os direitos nacionais, sociais e laborais das clases populares e trabalhadoras.
É sintomático ver como ao tempo que agreden Libia, conspiran contra os movimentos de emancipación popular e de liberación nacional en Túnez e Exipto que se ergueron recentemente contra as súas tiranías e castas corruptas; como afortalan o criminal Estado sionista Israelita contra o povo Palestino; como abandonan á súa sorte ao Povo Saharauí masacrado pola tiranía da monarquía marroquí de Mohamed VI e como apoian a ditadura do rei feudal de Arabia Saudita ou a de Barheim contra os povos indignados con toda razón pola inxustiza capitalista que padecen e pola ausencia de liberdades ás que tenhen direito.
É por iso que, nesta declaración de urxencia, reafirmamos a nosa solidariedade co povo líbio, primeira vítima desta enésima agresión, e manifestamos:

- Que condenamos esta intervención imperialista, esixindo o fin inmediato desta agresión criminal e o respecto pola independencia e soberanía deste país, e que condenamos igualmente a escravitude capitalista que queren impór en calisquera parte do mundo, que se manifesta con especial crueza agora mesmo en Libia, Bahreim..etc, vítimas da acción monstruosa do imperialismo.

- Que expresamos a nosa chamada de atención e a nosa alerta polas repercusións e plans que esta nova intervención imperialista pode ter sobre o futuro inmediato doutros povos do mediterráneo, no Próximo e no Medio Oriente, etc.

- Que repudiamos a cumpricidade criminal e a co-responsabilidade lacaia asumida polo Goberno Espanhol e os grandes partidos do réxime (PSOE, PP, etc) así como a participación do Reino de Espanha neste acto de agresión, solidarizándonos co povo Libio que mais umha vez ten que loitar pola súa sobrivencia e soberanía, hoxe ameazadas polos inimigos da humanidade.

-Que apelamos a todos os colectivos, organizacións, persoas e forzas amantes da Paz e da Xustiza ás concentracións e accións de repudio contra as agresións imperialistas ao povo de Libia que se convoquen nas próximas horas e especialmente no dia de manhá LUNS DIA 21 (2ª feira) en todos os lugares de costume das vilas e cidades de Galiza ás 20 hs.

Partido Comunista do Povo Galego
20 de Marzo de 2011