PAREMOS AO CAPITAL, A REPRESIÓN E O AVANCE DO FASCISMO


Nos últimos dias unha nova operación do E. Español desatouse en toda Galiza contra persoas, colectivos e centros sociais galegos. Ate o dagora 6 compañeiros e compañeiras independentistas foron detidos/as en Vigo , Lugo e Compostela e trasladados, en aplicación da chamada lei anti-terrorista á Audiencia Nacional en Madrid, onde agora están completamente incomunicados.
Sen que exista ninguna acusación fundada nen garantia dos elementais direitos de presunción de inocencia, os responsábeis e colaboradores desta operación proceden como era de supoñer, como neles é propio ou teñen evidenciado en situacións anteriores: realizando espectaculares montaxes mediáticas e para-policiais e de linchamento público, utilizando os medios de desinformación burgueses para amedrentar, intoxicar e acusar de presuntas actividades “terroristas”.
Diante desta manobra de persecución que se desenvolve contra persoas e colectivos, os comunistas galegos e galegas, que por estarmos na loita coñecemos a traxectoria militante e consecuente dos e das compañeiras agora detidos, queremos rexeitar con firmeza esta nova operación dos que din chamarse “demócratas” e “respetuosos” coas normas legais, mais unha vez reproducidas e amplificadas desde a totalidade da prensa burguesa e manipuladora.
O PCPG considera que esta operación represiva, precedida por unha campaña de asedio contra organizacións e movimentos populares (especialmente centros sociais) artellada polos sectores máis cavernarios da reacción, forma parte dun plan de atemorización que se desenvolve contra colectivos insubmisos ou rebeldes, contra mozos e mozas que non recúan ante os plans da oligarquía que nos asoballa.
Os compañeiros e compañeiras agora perseguidos forman parte do grande activo de loitadores e loitadoras do noso povo cos que coincidimos en proxectos e frontes de loita e movementos populares que compartimos. En consecuencia queremos expresar desde aquí, con meridiana claridade, que non imos a recuar diante destes operativos do réxime imperialista español nin declinar da nosas obrigas revolucionarias, nacionais e de clase ao servizo da Soberanía Nacional de Galiza e do noso povo traballador.
Queremos expresar tamén a nosa solidariedade mais fraterna cos seus familiares,  amigos e achegados/as, entre os que nos consideramos, e a nosa disponiblidade para todo o apoio moral e material que estea da nosa man e ao noso alcance
É preciso trabar esta nova ofensiva contra a dignidade e rebeldía coa que se expresa a organización crecente da mocidade e a clase obreira galega, así como contra as incesantes agresións que sofrimos (do que é mostra a criminalización destes mozos e mozas independentistas).
Os e as comunistas do Partido Comunista do Povo Galego consideran preciso expresarmos a nosa condena máis enérxica chamando á solidariedade máis incondicional con todos os que sofren linchamiento, violación e maltrato polos poderosos aparellos do sistema; con todos os que son conducidos ao cárcere, por defenderen liberdades e dereitos irrenunciabeis sociais e nacionais.
Manifestémonos en solidariedade e apoio aos detid@s e represaliad@s!
CONTRA O GRANDE CAPITAL E A REPRESIÓN. TOD@S À RUA!
Galiza, 3 de Decembro de 2011