1º de MAIO: Contra a ditadura capitalista, unidade e loita obreira polo socialismo

Continúa a arremetida dos poderes económicos e dos seus aparellos de dominación contra os traballadores e traballadoras, contra os nosos direitos como persoas, contra os nosos direitos colectivos, sociais  e nacionais.
Agudizanse os atropelos contra a inmensa maioría (advertímolo antes do último circo eleitoral) e unha cousa está moi clara: os xestores e valedores políticos deste sistema non aplicarán nunca medidas encamiñados a solución real dos problemas do conxunto da sociedade con programas dictados polos vampiros da troika (UE-BCE-FMI) nen defenderán o noso país (Galiza) desta voráxine brutal con xestións institucionais submisas e subordinadas á legalidade imperial-capitalista do reino de España e da UE.
O fracaso do modelo capitalista e da superchería do "estado de  benestar" a nivel mundial móstranos como os procesos e institucións “democráticas” (que son correas de transmisión do sistema) non serven nen teñen capacidade para intervir en temas que seica son da exclusiva potestade e imperio do que eles chaman eufemísticamente “os mercados".
Non é posibel acreditar en fórmulas de suposta “saída da crise”, nesta completa irracionalidade xerada polo sistema no que estamos inmersos, ao que serven e apuntalan tanto o colaboracionismo traidor e domesticado dos sindicatos vendeobreiros maioritarios e as forzas parlamentaristas de “esquerdas” cautivas das súas políticas reformistas.
Non podemos acreditar en proxectos e maquinarias que non teñen na súa axenda un programa e unha práctica de loita real e consecuente emancipadora ao servizo do povo traballador;  que  fuxen sempre da palabra ruptura con este réxime de inxustiza porque están atadas ao aparello da oligarquía e do imperialismo español, do que son subsidiarias e porque están pra iso: apreixar á clase obreira e ao conxunto do povo nas redeas da política submisa, na domesticación e o colaboracionismo, na mansedume e o matadoiro. 
Hoxe mais que nunca temos que apelar a acrescentar o compromiso diario na nosa  (re) organización, a comprometerse na UNIDADE E A LOITA MAIS DECIDIDA para enfrontar o roubo e a explotación que supoñen os plans de agresión do grande capital e a combater polos direitos sociais e liberdades cada vez máis agredidos e cuestionados.
Mais sobre todo, vai sendo hora de reclamar o fin deste sistema opresor e bárbaro, primeiro responsábel de tantas calamidades e, con el, o da súa “clase política”. Soamente temos unha opción real e verdadeira como ten demostrado a histora: loitar unidos, determinados e confiados, erguer a nosa voz co puño ben alto e reclamar que a crise do capital sexa paga polos seus responsábeis, polos capitalistas que a provocaron, polos banqueiros e oligarcas que nos rouban; polo sistema capitalista. 
É hora camaradas e compañeiros de exercermos o inmenso poder que temos se estamos unidos e organizados, o poder que nos corresponde como productores para superar esta irracional sociedade de clases; derrubar os seus muros e asaltar o bunquer da tiranía capitalista; expropiar a riqueza que nos rouba de xeito cotiá a oligarquia burguesa (o noso inimigo de clase e da humanidade) e tomar todo o poder nas nosas mans, construindo unha sociedade igualitaria e xusta, libertada da opresión e da explotación "do home polo home", o SOCIALISMO.
Contra a nosa unión e determinación non poden facer nada!.
Avanzar na organización, solidariedade e unidade de clase!. Fortalecer a nosa loita e facela cada vez máis global!. Avanzar cara unha Folga Xeral de carácter revolucionario e insurrecional contra este sistema infame e ilexítimo. 
Afirmar a nosa vontade de soberanía e independencia nacional e de clase para decidirmos como povo.
Para que nos devolvan o roubado!. Para derrubar esta prisión!”
Viva Galiza Ceive e Socialista!. Viva o Internacionalismo Proletario!