UNIDADE E CONFIANZA NAS FORZAS PROPIAS. POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA!!


O Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) saúda a todos e a todas as que participan nas mobilizacións e actos deste Día da Patria Galega 2012.
A profunda e bestial crise da era capitalista que padecemos engádese, no caso galego, a máis de 30 anos de exercicio “autonómico”, auténtico mecanismo que aferrolla e impide decidirmos por nós propios encol dos nosos intereses supremos.
Como dicía Castelao: “A NOSA TERRA NON É NOSA” pois, cada vez máis desde submisas e incompetentes administracións a modo de virreinatos “rexionalistas” do pequeño imperio, se aprofunda e perpetúa a crise que padecemos, lexitimando a sangria xenocida e a opresión túzara que se comete polo Estado Español contra o povo galego.
A NOSA TERRA NON É NOSA, porque no nome dunha arrepiante “modernidade”, os caciques e oligarcas cos seus aparellos políticos ligados ao reino de españa, nos reclúen aínda máis no tinglado da UE, que significa máis desmantelamento da nosa industria e recursos tradicionais estratéxicos: naval, leiteiro, conserveira, gandeiro, pesqueiro, florestal.. Máis dependencia e máis empioramento das condicións de vida xa precarias do povo traballador.
A NOSA TERRA NON É NOSA porque a leal oposición parlamentaria tampouco obxecta de verdade a ordenación irracional do noso territorio e a rede de comunicacións rodoviarias, marítimas ou ferroviarias de proximidade. Que nunca detiveron a bárbara destrucción urbanística e medio-ambiental; o “Ave” ou a alienación e españolización cultural e as brutais agresións lingüísticas. Que non rexeita con contundencia as sucesivas “reformas laborais” ou as míseras pensións da nosa clase obreira (as máis baixas do estado).
A NOSA TERRA NON É NOSA porque uns e outros nos manteñen dentro da organización terrorista e imperialista OTAN. Porque consinten e mesmo se lucran coa destrucción da nosa flota de pesca de altura; porque non se resisten ao monocultivo do eucalipto nin amosan vontade política de parar ou cuestionar de verdade o papel dependente e subsidiario da nosa economía productiva.
Hoxe o sistema non dá para máis. Tan só nos ofrece tesoirazos, roubo a grande escala, miseria, destrucción medio-ambiental, guerras e infinita represión. “Europa”, España das autonomías”, OTAN, “modernidade”.., compre lembrar os distintos nomes causa principal: CAPITALISMO E IMPERIALISMO. Compre non esquecer nunca!.
COMPRE TER CLARO onde hai que estar. Isto é: do lado do povo, tecendo redeas de rebelión, de organización, de solidariedade e de combate en calquera das súas formas posíbeis. Loitar e reaxir como aconteceu noutras épocas da historia heroica do noso povo (lembrarmos da I República Galega proclamada pola clase obreira en 1931; da exemplar loita guerrilleira do povo galego fronte ao fascismo.., e de que estamos no 40 aniversario das folgas xerais de Vigo e Ferrol, do ano 72). Reaxir como demostraron combates relativamente recentes da clase obreira e amplos sectores do povo galego desde as fábricas, na rúa e no mar.
COMPRE NON ESQUECER que somos parte dun povo indómito que é quen de se erguer contra esa “realidade” que nos expolia, proscribe e relega. Que hai unha clase obreira conscente que lle fai fronte con decisión aos abusos do capital e que somos quen (fixémolo moitas veces) de rexeitar as políticas asimilistas que atacan sen piedade a nosa lingua nacional e marxina a nosa cultura popular. Que hai umha Galiza rebelde que non está disposta a acatar máis séculos de asoballamento e umha mocidade que esixe liberdade e respecto para @s que se rebelan e son represaliados, presos ou desterrados nos cárceres dun Reino que é en si mesmo cárcere de nacións e de povos.
COMPRE AFIRMARSE nos mozos e mozas; nos homes e mulleres dignos e lúcidos que non dimiten nin se resignan; nos e nas obreir@s xeneros@s que organizan resistencias e combates contra a bestialidade da explotación capitalista e da marxinación e infame submisión das mulheres ou contra o decaemento nacional da Nosa Terra; que loitan contra a represión en todas as súas formas; contra as guerras de ocupación imperialista en calquera parte que se produza ou contra o deterioro ambiental, etc
Como tamén dixo Castelao: “NÓS TEMOS FE NO NOSO POVO E MOI LOGO O NOSO POVO TERÁ FE EN NÓS”. Dende a nosa aposta irrenunciábel por coincidir na loita, no amplo espazo das forzas revolucionarias e anticapitalistas, progresistas própias do noso país.
E só desde aí (confiando nas forzas propias, de xeito auto-organizado) continuaremos nos vieiros de loita contra o imperialismo e os seus reductos e tentáculos sucursalistas que perpetúan a nosa dependencia e submisión. Isto é: proseguir o combate polo exercicio real e irrenunciábel da AUTODETERMINACIÓN E VERDADEIRA INDEPENDENCIA que só pode concluir no obxectivo compartido dumha REPÚBLICA GALEGA, ceive e sen explotación: SOCIALISTA.
Avante con determinación e unidade. Con espirito de máxima xenerosidade e sen particularismos!. Estamos na hora!. NADA PARA NÓS, TODO PARA O POVO!
Adiante pola República Socialista Galega!!
Comité Nacional do Partido Comunista do Povo Galego (PCPG)
25 de Xullo de 2012