NESTE 24 DE MAIO VOTA BNG-AA
Son tempos
moi difíciles para os povos e para as trabalhadoras e trabalhadores. O capitalismo como modelo de
producción e apropiación nesta última etapa
neoliberal-imperialista é o responsábel da profunda
involución e declinio histórico que presenciamos, en todos os
planos e en case todas as sociedades existentes.
Un diminuto grupo de individuos
que constitúen a oligarquía que detenta o poder desde os escritorios das
corporacións transnacionais nas que se sustenta este sistema de
expolio inhumano, utilíza a súa crise irresolubel e terminal
como pretexto para que uns governos lacaios (que por iso foron postos
por eles) imponhan as receitas coas que acabaren cos países e
arruinaren o povos, para destrozar os dereitos das traballadoras e
dos traballadores.
Galiza e o seu povo están, aos pesares das súas potencialidades,
dos seus grandes recursos productivos e naturais e da preparación e
capacidade da súa xente trabalhadora, na escala máis baixa en dereitos sociais, na cuantía
máis ínfima dos salarios e nos niveis de desemprego, precariedade
ou emigración máis altos en varias décadas. Os ricos
tórnanse máis ricos aínda, e cada
vez máis capas do noso povo alargan números nas estatística cada
vez máis desorbitadas da precariedade e da miseria.
Vemos, especialmente nestes últimos 7 anos, como eliminan
dereitos sociais que foron conquistados con tanta loita, suor e
sangue polas xeracións pasadas; como espolian os nosos
aforros, desafiuzan violentamente persoas das súas
vivendas, agreden o noso ambiente e territorio; como eliminan
paulatinamente a nosa lingua e cultura; como privatizan e destrúen
os servizos públicos ou como negan a nosa capacidade secular de producir.
Estamos máis que nunca na obriga e
imperiosa necesidade de exercermos como Clase e como Povo, de
respondermos unidos e con firmeza para defendernos de tanto roubo e
de tanta agresión, de tantos ataques aos nosos dereitos e liberdades
e de facerlhe frente a tanta barbárie.
E iso é o que están a facer sectores non pequenos do noso povo, que lonxe de
resignarse reaccionan con rebeldía, convicción e tenacidade. Iso é
o que fai unha parte importante da nosa clase trabalhadora que se mobilíza en
defensa dos seus dereitos e do futuro de todos nós; son ducias de
miles de afectados e afectadas polo roubos das súas poupanzas
bancarias, centos e miles de emigrantes retornados que se organizan e
mobilizan contra tributos e impostos aberrantes e inxustos, ducias de
miles que saen á rúa en defensa da lingua galega, miles de mulheres
e homes e de mozas e mozos que loitan contra a discriminación e a
violencia de xénero, na solidariedade internacionalista ou na defensa do noso ensino e sanidade públicos.
A Galiza trabalhadora non é submisa, nin conservadora e está a
dar mostras inequívocas de rebeldía frente aos governos indignos,
con vontade inequívoca de rematar con tanta inxustiza e abrir
caminhos de transformación e mudanza.
Transformación que terá que vir das
variadas formas da loita obreira e popular, mais tamén do pulo e cobertura das institucións conquistadas nese combate; coas
formas de loita popular máis decidida, porén tamén coa confianza e os votos
conquistados pola forza da unidade e da nosa (auto) organización,
desde a coerencia e a firmeza revolucionaria.
Sair do modo da opresión e do roubo
que pretenden infinito, reconquistar dereitos e liberdades ou
recuperar a nosa soberanía como Povo non vai cair do ceo nin da
concesión graciosa de governantes e institucións dun réxime
xenéticamente expoliador e imperialista, senón da nosa reorganización e loita insubmisa, sendo as frentes dese combate moi variadas, sempre coordenadas e
organizadas, fase a fase e paso a paso.
É nese caminho que a loita
eleitoral tamén devén importante ferramenta complementaria na
dialéctica de avance xerada e, mesmo, vector
moi efectivo pra rexeitarmos de vez as vias mortas da servidume
dunha Galiza dependente
a poderes xeográfico-económicos de decisión allea.
Nesta orde de cousas, os comunistas do PCPG, analizamos o papel que poden xogar as próximas eleicións municipais
na presente situación; como ocasión para responder á infamia dos que desgovernan e para conquistar espazos de
poder e afirmación popular que afortalen as bases da propia
mobilización e consciencia popular, para
avanzarmos decididamente cara unha sociedade libre e xusta, nunha Galiza
dona do seu futuro, que máis cedo que tarde terá que ser Soberana e Socialista.
É por iso que desde o Partido
Comunista do Povo Galego apoiamos as candidaturas do BNG-Asembleas
Abertas e chamamos a apoiar nestas eleccións municipais as
candidaturas da organización galega e de esquerda máis sólida, organizada e experimentada que se apresenta
en perto de 300 concelhos do noso país (máis lugares que todas as outras consideradas de “alternativa”
xuntas). Candidaturas das que fan parte
activistas sociais destacados, sindicalistas reconhecidos, mozos e
mulheres fondamente comprometidas cos dereitos das persoas
trabalhadoras e maltratadas, cos e coas desempregadas e desposuídos; militantes
organizados polo porvir de Galiza e a súa independencia e soberanía nacional.
É por iso tamén, como dixemos nun anterior
comunicado, que do PCPG “consideramos
ao BNG-Asembleas Abertas como a forza que melhor representa neste
momento histórico os intereses e aspiracións do noso povo trabalhador e das súas loitas en curso e expresamos a nosa confianza de que a mesma acade o
éxito para conseguirmos erguer novos espazos de poder popular
local-democrático e de afirmación nacional cos que melhor
defendernos dos plans anti-sociais e anti-galegos que serven os
intereses do capital monopolista e financeiro”.
Mais ao tempo que
nos erguemos contra os plans das organizacións serviles e corruptas do
caciquismo e da reacción, que hoxe se referencia no PP e colaboracionistas do réxime espanhol, debemos estar firmes e conscentes de que a
alternativa necesaria desde a unidade pasa tamén por identificar e rexeitar o confusionismo
divisionista á moda, conciliador obxectivo do réxime que nos asobalha. Por
muito que se esforcen desde oráculos e tribunas, non observamos
nestas tendencias melifluas e chamadas “mareas” e plataformas "cidadanistas" máis que gaiolas de
grilos, nin tampouco na maioría dos seus dirixentes algo novo no horizonte.
Trátase da mesma velha e resesa política con outras facianas e envoltorios, porén
cos mesmos procedimentos de sempre.
Para nós a
unidade e auto-organización do POVO GALEGO é un principio irrenunciábel e agardamos que así o sexa tamén para outras forzas que se consideran patrióticas
e de esquerda, desde a premisa da xenerosidade e do respeito da súa independencia. A expresión desta idea tería que ser aquí e agora, neste 24 de Maio, apoiar e votar as CANDIDATURAS DO
“BNG-ASEMBLEAS ABERTAS” para, como deixamos dito, defendernos tamén desde os
concellos, para por o poder local ao servizo do noso povo e das súas necesidades e para
avanzarmos na conquista de máis espazos de poder popular, polo porvir de Galiza e a súa soberanía nacional.
Galiza, 22 de Maio de 2015