URBANO MANEIRO, con nome clandestino “LOURO” é un dos imprescindíbeis

Memoria do 72 e da clase obreira galega [1]. 

URBANO MANEIRO, con nome clandestino “LOURO” é un dos imprescindíbeis* 

Ocorre muitas veces que, na historia do movemento obreiro organizado, acontecen esquecementos muitas veces inexplicados e inxustificables.

Este é o caso do camarada do que falo nesta 3ª publicación sobre "o 72", aquel movemento da clase obreira insurxente xurdido da semente de clase que espalharon ducias ou centos de obreiros esclarecidos en décadas anteriores e do que renaceron raiceiras profundas e potentes en pleno fascismo na cidade de Vigo ou Ferrol a primeiro anos 60 e seguintes.

O camarada URBANO MANEIRO está incomprensíbelmente afastado ou esquecido de todas as publicacións e documentarios feitos até o presente. As únicas referencias que pode haber sobre el nos libros e dossiers redúcense algunhas linhas, 2 ou 3 e muito erradas, nalgún caso. Disto, talvez a única razón sexa, suponho (mais alén do lóxico desconhecemento dos que trabalharon sobre isto) o subxectivismo e a perspectiva subxectiva ou intereseira condicionada polas diferencias ou confrontacións ideolóxicas e prácticas que se manifestaron no pasado no seo do mesmo partido en que militaban.

URBANO MANEIRO naceu en Porto do Son, na altura en que o abrente republicano e a ascensión da luta obreira no mundo enteiro iluminaban e inspiraban potentísimos movementos emancipatorios e de clase. Para min é das persoas máis lúcidas, preparadas ou competentes que pasaron pola dirección do activismo democrático en Vigo e tamén polo comunismo organizado galego.

Nos anos 50 comenzou a trabalhar como torneiro e a militar na Xuventude Comunista e o Partido Comunista do Brasil, destacando pola súa entrega, polo estudo e polo seu liderazgo á frente dos trabalhadores da empresa na que trabalhaba, levando a iniciativa e e dirixindo mesmo unha folga ou greve xeral. Pese á súa xuventude, as súas intervencións, dotadas de notábeis capacidades de oratoria e conhecementos marxistas, tinhan a virtude de conseguir apoio inmediato, o entusiasmo e apoio dos seus companheiros, tal foi así que chegou a impartir charlas e clases de marxismo (ao Redor do Capital) no Centro Español de Rio de Janeiro.

Volve ao Estado Español desde o Brasil primeiros anos 60, como di el: “a lutar pola Revolución” incorporándose á actividade dos comunistas do EPK-PCE, en contacto organizado cos camaradas da súa máxima dirección e tivo relación con boa parte da oposición democrática basca e coa daquela nacente esquerda abertzale.

Chegou a Vigo pouco despois de mediados dos anos 60 e formou parte, case de inmediato, da dirección do PC e PCG, onde se fixo cargo da responsabilidade do aparelho de Propaganda do Partido e é a partir dese momento cando o PCG ten unha actividade principalísima na “axitación e propaganda” que non deixaría de ser sempre hexemónica e referencial na cidade olívica. Canto a el, pode dicirse que a imensa maioría da propaganda (90 por cento dos pasquíns e octavelas) que se distribuían naquela na Comarca obreira de Vigo (desde o PCG e as Comisións Obreiras) eran da súa responsabilidade (escritas por el).

Como di el, o movemento folguístico de Vigo, a folga ou greve xeral de Vigo, “fíxoa posibel o principio leninista de que os Comités das empresas eran Correa de transmisión do PC”.
Como adianto do seu trabalho déixovos esta breve pasaxe que nos pasou de palabra e por escrito en dous momentos:

- “Eu imprimía as octavelas nos clichés que se enviaban á multicopista oculta na casa do camarada Figueroa en Beade/Vigo. De alí saían as octavelas que chegaban aos Comités das empresas de toda a Comarca de Vigo”.
- "Non todos os miembros da dirección do Comité Local do PCG votaron a favor da folga xeral de setembro do 72, C. B. votou en contra".
- "Despois do golpe represivo, C. N. foi a Francia e eu fiquei de secretario do Partido".
- "No ano 74 membros do Comité Ejecutivo do PCG viaxamos a Francia para ter una reunión co Comité Executivo do PCE e puiden comprobar que S. Álvarez era un peón de Santiago Carrillo que defendía a chamada “reconciliación nacional”, que nunca compartín".

Urbano Maneiro, o obreiro que fixo o 90% das octavelas e pasquíns do PCG a partir de 1968 até bastante despois do 72 (a última que confeccionou e difundiu foi despois de abril de 1974 sobre a Revolución de Abril portuguesa) e foi cando algún outro dirixente daquel PC "eurocarrillista" lhe fixo saber que a dirección do seu PC non recomendaba apoiar ao PCP, cando decidiu tomarse un tempo de distanciamento daquilo que considerou inadmisíbel.

Até aquí este adianto, un primeiro resumo de quen foi e é o lúcido pensador e intrépido dirixente nas máis difíceis situacións de ameaza reaccionaria, o camarada inconformista e íntegro que nunca casou coas medias verdades e co oportunismo.

Eu conhecín ao camarada en 1984 cando despois de nacermos como PC. (“pecepunto”) erguemos o PCPG e el foi tamén dirixente noso en Vigo durante un tempo, até finais dos anos 80.

Aínda hai obreiros destacados das lutas obreiras de Vigo que se refiren a el como o “profesor Maneiro”, o profesor de marxismo no Brasil e despois en Vigo. Talvez por iso é que pensan que o foi na realidade. El que foi torneiro e despois "comercial" (un trabalho liberal que lhe permitiu dispor dalgún tempo libre para o seu activismo). Para amigos e camaradas referenciais e históricos do movemento obreiro é un mestre, pra min tamén.

Nunha segunda parte ampliaremos máis a información sobre o noso pasado e o pensamento e obra do camarada. É preciso esclarecer, aprender e difundir, e considero que non se pode continuar esquecendo.

“As nosas clases dominantes procuraron sempre que os trabalhadores non tenhan historia, non tenhan doutrina, non tenhan herois nin mártires. Cada luta debe empezar de novo, afastada das lutas anteriores. A experiencia colectiva pérdese, as leccions esquécense. A historia aparece así como propiedade privada cuxos donos son os donos de todas as cousas”.
[Rodolfo Walsh. 1969]. 
 
*Foi publicado o 9 de outubro de 2022.
por Xosé Collazo Castro