ESTATUTOS NON. AUTODETERMINACIÓN

Un amplo consenso institucional e partidario quere facernos acreditar na salvación das reformas autonómicas. Os múltiples problemas estructurais que afectan a Galiza –da precariedade laboral á crise demográfica, pasando pola desaparición do idioma ou a emigración da xuventude- terían o seu atallo nunha reforma institucional dirixida polos partidos institucionais e avalada polo asentimento pasivo da imensa maioría da nosa sociedade.

Na procura deste aval recorren ao consenso que é a vía máis antidemocrática que existe: é o acordo con aqueles que non queren oír falar da recuperación do IRPF de miles de traballadores galegos, da prohibición da precariedade ou a suba dos salarios,... Nos feitos, aceptar o consenso é aceptar os estreitos marcos impostos polo réxime.

A reforma que nos anuncian non terá capacidade para marcar ningún ponto de inflexión na nosa traxectoria colectiva. Toda refundación real do estatus político galego pasa polo debate libre e sen coacción da cuestión verdadeiramente central: a soberanía nacional. Calquera proposta de reforma que contemple só unha das saídas posíbeis ao debate soberanista –a autonomía- como ponto de partida e horizonte infranqueábel é pura e simplemente un engano deshonesto. Só cando nun verdadeiro proceso de autodeterminación nacional concorran en pé de igualdade todas as propostas –da independentista á unitarista, con todas as gamas intermedias- para dar lugar a un proceso constituinte, poderemos falar de condicións mínimas de democracia para Galiza. Non obstante, co exercicio dunha ‘soberanía española’ que bloquea de facto en Madrid toda proposición ambiciosa e relevante, o debate nace trucado e falso. Da mesma maneira, toda reformulación nacional territorial que só contemple como cadro de partida a actual comunidade autónoma galega, excluíndo os territorios nacionais do leste non recoñecidos, exclúe tamén ducias de millares de galeg@s do pretendido debate democrático.

O devandito confirma unha intuición xa compartida por moit@s: asistimos a un debate de elites políticas blindado á participación, e que quere restrinxir artificialmente os límites do discutido para frustrar a posibilidade de mudanzas de fondo. A pesar do pánico finxido da extrema dereita do PP, que axita as fantasmas da reforma estatutaria para cohesionar as súas bases e preparar un novo asalto ao goberno do Estado, o exercicio do dereito de autodeterminación fica excluído das reformas. Tampouco é casualidade, neste sentido, que con toda a confusión suscitada pola polémica dos estatutos, ningunha voz coa mínima proxección pública se atreva a pór en causa a figura da monarquía. Hoxe, como hai tres décadas, a aposta por unha reformulación democrática radical e sen limites prefixados do cadro constitucional pasa polo combate aberto e sen obstáculos á institución monárquica como elo continuador do franquismo na actual democracia tutelada.

Os partidos gobernantes na Galiza tentan motivar no pobo un entusiasmo que non existe. O debate de elites, no que cada bando concorrente precisa do apoio lexitimador e puramente pasivo do tecido asociativo, non responde ademais a un impulso sincero e real da nosa sociedade. Cando as dúas forzas do bipartito recoñecen a súa vontade de pactar o novo estatuto coa extrema dereita, o resultado rexionalista do proceso está marcado de antemán. O debate das reformas estatutarias é a tentativa máis recente de desactivar de vez, fundamentalmente, as potentes reivindicacións nacionais do País Basco e Cataluña. O Estado español precisa solucionar dunha vez por todas as tensións territoriais irresoltas, gañando a ansiada paz social e institucional e afrontando con maiores garantías de éxito os retos que lle impón a aposta neoliberal que segue cos seus acompañantes da UE.

Para que Galiza non fique absolutamente fóra de xogo nesta nova conxuntura, para permitirse dar un paso máis, por mínimo que for, no camiño ao recoñecemento dos seus dereitos colectivos, cumpre actuar de maneira organizada. No noso País, unha minoría social moi destacada, implicada nas máis variadas frontes de intervención, ten sostido historicamente a esixencia da autodeterminación galega, ligada sempre a proxectos de transformación social. O traballo constante deste corpo organizado ao longo de décadas ten posibilitado a supervivencia do noso proxecto nacional e a permanencia das reivindicacións populares moi diversas encadradas na vontade de soberanía plena. Cumpre reagrupar as forzas nun proxecto suprapartidario que desmonte ponto por ponto as falacias das reformas situando a autodeterminación como reivindicación inadiábel, que cuestione un modelo de Estado alicerzado na monarquía borbónica e denuncie sen ambaxes os ataques reiterados aos dereitos e liberdades que sofre o soberanismo no seu conxunto. As Bases Democráticas Galegas recomezan a súa andaina para levar de novo ás rúas estas reivindicacións elementais.

BASES DEMOCRÁTICAS GALEGAS
Galiza 2006.