DIA DA PATRIA-2006

Estatuto?, Non!

UNIDADE POLA AUTODETERMINACIÓN!

Despois da longa noite Fraga que vén de sufrir a clase traballadora galega, hoxe en día non se albisca esa “nova Galiza de mañán, que xa vén alboreando e xa clarea” da que falara o noso grande poeta galego, combatente republicano e comunista, Lorenzo Varela.

A esperanza de moitos unha e outra vez fica postergada. Mentres asistimos a un novo “debate” estatutario, esváese calquera expectativa de autogoberno real e consolídase o discurso institucional do regateo e o chalaneo mentres segue en pé a crúa realidade de opresión nacional e social do noso pobo, tras o falso e fraudulento debate entre o autonomismo claudicante e o españolismo máis ofuscado e cavernario. Debate de carácter exclusivamente mediático que tenta eclipsar a ausencia de solucións de fondo que preocupan ao noso pobo e á nosa clase traballadora. Ninguén desde as institucións fai fronte nin cuestiona o sistema imperial neoliberal, o réxime monárquico nin a Constitución continuísta da nosa falta de liberdade para decidir como pobo, isto é, da que nega o noso dereito á autodeterminación.

Galiza continúa a padecer unha situación de dependencia que é un obstáculo fundamental para a emancipación da súa clase traballadora. Esa situación de dependencia obrigoulle a cumprir a función de subministradora de forza de traballo, de materias primas e de capital ao servizo principalmente dos intereses da burguesía española e do imperialismo europeo. Hoxe, cando o sector primario, principal resorte da nosa economía, é desmantelado, Galiza convértese nun territorio adicado maioritariamente ao sector dos servizos, sen capacidade produtiva e cun volume de traballo precario cada vez máis importante. Non melloran as condicións de vida das/os traballadoras/es, nomeadamente das mulleres, das/os mozas/os e das/os inmigrantes; continúa a política privatizadora e a liquidación do sector público. Segue a emigrar a nosa mocidade. Continúa a depredación dos nosos recursos naturais. Medran a pobreza e a exclusión. Mantéñense a especulación urbanística e a explotación “turística” destrutiva das nosas rías e privilexiados espazos naturais.

A morna política institucional non avanza cara á conquista dos dereitos nacionais. Pola contra, o que si avanza é a desgaleguización do ensino e, xa que logo, da nosa mocidade e das/os nosas/os nenas/os, o xenocidio cultural e o esmorecemento da nosa lingua.

O PCPG afírmase na necesidade de facer desde Galiza unha política propia, soberana, profundamente transformadora e enraizada nas necesidades e no dereito a decidir do noso pobo e da nosa clase. Nas actuais circunstancias, apoiar unha reforma do Estatuto de Autonomía sen alterar o actual marco xurídico-político é perpetuar a situación de dependencia da nosa Nación e lexitimar a estratexia de “segunda transición” que hoxe levan a cabo as forzas do sistema para obteren un novo consenso social que lles permita a preservación, para un novo período, das fundamentais estruturas do réxime, integrando no mesmo a unha parte daquelas forzas que anteriormente se opoñían a el e propiciando un posíbel novo ciclo de desmobilización do campo popular.

Para mudarmos esta situación, é preciso erguer un referente organizativo amplo, plural, unitario, nidiamente de esquerdas e profundamente transformador. Nidiamente soberanista e republicano, que aglutine e vertebre a colectivos e movementos sociais, estudantís, culturais, sindicais, veciñais, na procura dun horizonte de conquista dos nosos inalienábeis dereitos como nación e clase traballadora. É tamén por iso polo que apoiamos ás Bases Democráticas Galegas coma unha primeira expresión plural e coincidente nese camiño que debemos percorrer en común, con flexibilidade, sen particularismos e espirito de integración.

POR TODO ISO CHAMAMOS A NOS MANIFESTAR POLO NOSO IRRENUNCIÁBEL DEREITO A DECIDIR, APOIANDO AS MANIFESTACIÓNS POLA AUTODETERMINACIÓN QUE TERÁN LUGAR NESTE DÍA DA NOSA PATRIA

ESTATUTOS NON, AUTODETERMINACIÓN!
UNIDADE POLA AUTODETERMINACIÓN E O SOCIALISMO!
Por unha Galiza Republicana e Soberana!!

PARTIDO COMUNISTA DO POVO GALEGO(Comité Nacional)
pcdopg@hotmail.com