APOIA O MANIFESTO CONTRA O FUME!


http://galiciafume.blogspot.com/

MANIFESTO Á OPINIÓN PÚBLICA GALEGA,
SOBRE OS INCENDIOS FORESTAIS.

Os galegos e galegas que subscribimos o presente Manifesto dirixido á opinión pública deste País, queremos abrir un debate, aínda sendo conscientes da nosa desesperación, cando as lapas dos incendios están a converter nun inferno miles e miles de hectáreas do noso medio natural. Un debate que poña as condicións para rematar co fume intoxicador, non só dos incendios forestais, senón, antes que nada, que se enfronte ao fume informativo que emana daqueles que obxectivamente son os verdadeiros culpábeis de que a nosa terra sufra por undécima vez á ruína irreversible do noso medio ambiente natural e cunha afectación gravísima a economía dos máis desfavorecidos.
A magnitude do que está a acontecer non ten precedentes; polo número de incendios, polo número de hectáreas asoladas, pola súa tipoloxía criminal, polo número de mortos e polo desastre á hora de enfrontar esta nova traxedia. Pasaron case catro anos do desastre do “Prestige”, e a radiografía puidera ser a mesma; ademais do desastre irreversibel, a opinión pública é arrastrada a través da manipulación do marasmo mediático e politiqueiro, a procurar culpabeis ridículos, para desviar a atención do verdadeiro problema, da verdadeira e única causa. Se daquela se frívolizou de xeito criminal, coa responsabilidade do Capitán do buque, hoxe trabállase o sensacionalismo noxento, creando a figura do “pirómano” perverso que o xustifica todo.
É a nosa obriga como cidadáns galegos, intervir diante desta farsa tráxica e cruel que está a destruír a nosa economía e os sinais de identidade da nosa Nación. É a nosa obriga desenmascarar a aqueles, que sí sacan beneficios deste obsceno espectáculo. Referímonos a aqueles que viven e sustentan este sistema político e socio-económico, que nos impuxo barbaramente, desde moi lonxe do noso país, en nome dun suposto “progreso”, o abandono da economía agraria, gandeira e forestal tradicional, deulle márchame de legalidade a nova política do monocultivo do eucalipto e piñeiro (máis dun millón de hectáreas), e tamén á política do cemento e a especulación. Onte cos encoros do Conde de Fenosa, hoxe no tardofranquismo, coas urbanizacións salvaxes, que tentan reproducir o desastre urbanístico costeiro do mediterraneo español no litoral galego, proxectadas tamén, lonxe de nós, ao marxe dos intereses do noso pobo e da nosa nación; coas vías rápidas e autovías que son construídas ás costas do interes xeral para privilexiar á uns poucos...
Din que agora son as vivendas as que están a ser rodeadas polo monte e mailo lume, cando é claro, dun tempo até á actualidade, que é o monte o que se está a ver rodeado de vivendas e urbanizacións, cunha nefasta e criminal política especuladora.
A gasolina está ciscada nos nosos montes fai moito tempo, cando se permitiu e se permite a plantación masiva do eucalipto e piñeiro, monocultivos agresivos, chamados eufemisticamente, repoboación forestal. Non só a intervención do “pirómano”; do mercenario, ou ignorante provocará a traxedia, a simple casualidade faráa posible, cando é notorio ademais que o 90% dos incendios comezan nunha vía de acceso rodado á masa forestal.
¿Onde está a responsabilidade civil e penal dos responsábeis e propietarios dos monocultivos de piñeiro e eucalipto?. Evidentemente, non existe, nin para o pequeno propietario, nin sobre todo para a grande empresa capitalista que inzou Galicia desta plaga. Nin que falar da responsabilidade civil e penal dos autores intelectuais desta desfeita; os distintos poderes e gobernos desde fai máis de cincoenta anos para acó.
¿Cal é a lexislación que fiscaliza drasticamente a tala indiscriminada do bosque natural, moitas veces castiñeiros e carballos centenarios?. Evidentemente véndese outra cousa ben distinta, e como exemplo, fagamos unha visita ao apeadeiro de RENFE da Escravitude (Padrón).
Estanse rindo da intelixencia da xente, nos nosos fuciños.
¿Cal é a Lei, Decreto, Orde,..., que regule na realidade a limpeza do monte despois dunha tala?. Na práctica calquera sabe que o único que importa é arrancar a madeira e o demais non existe; nin limpeza, nin reposición.
¿Cales foron as medidas rexeneradoras de capa vexetal e franxa arbórea nos lindes das autoestradas, autovías, vías rápidas, estradas...? Nos últimos vinte anos, encheronnos a cabeza de grilos, presentándonos a construcción destas infraestructuras como a solución do atraso económico e abordáronse como trampolín electoral para un pobo atrasado, logrando instalar na conciencia do oprimido e alienado, o binomio asfalto-progreso, cando un exame concienzudo deste tema, inevitabelmente lévanos a conclusión que a construcción das chamadas infraestructuras foron bárbaros atentados ao medio natural. O verdadeiro estudo de impacto sinxelamente non existe ou se amaña, porque quen os fai, e quen os paga, son os mesmos que preconizan estas obras, e xamais se acompañan con medidas rexeneradoras de masa forestal, reposición paisaxística ou harmonización coa natureza.
¿Cales foron as medidas adoptadas en canto ao impacto nos acuíferos e na capa freática, coas salvaxadas agachadas co eufemismo de infraestructuras realizadas nos últimos vinte anos? Ningunha. É unha obviedade que a cantidade de auga na terra, é un factor interrelacionado co manto vexetal e coa posibilidade de espallamento do lume.
¿Cantos incendiarios se téñen detido nos últimos anos, cal é o seu perfil, e a que intereses ou causalidade responderon as súas accións?. Este problema é vello, ninguén nega que como factor minoritario exista o tolo pirómano que actúa pola súa patoloxía, ninguén nega que o atraso cultural leve a obstinación de que algunhas tarefas agrícolas de queima de estrume, se acábe convertendo nun incendio, mais é evidente tamén, e por certo o máis frecuente, que o móbil do incendiario, poida estar vinculado a intereses urbanísticos, madeireiros, políticos, do narcotráfico, etc.. A opinión pública galega debe de saber con pelos e sinais, a verdadeira cara deste terrorismo do lume, dos escuros poderes e intereses que están por detrás.
¿Que medidas “contraincendios” se teñen adoptado pola Administración no inverno para impedir os lumes no verán? Que nos consten, ben poucas. A mellor inversión e a máis efectiva é aquela de prevención durante os meses de chuvia, que son a maioría do ano; outono, inverno e incluso primavera, a limpeza, a preparación loxística, a coordinación cos veciños, os protocolos de actuación, etc..
¿Que nivel de cualificación e preparación teñen os paracaidistas e efectivos do exercito español, para combater os incendios forestais? Como no “Prestige” chega o exército a salvar a humanidade..., simplemente esperpéntico. O lume só o pode combater xente preparada pero sobre todo xente de traballo, os vagos e ociosos, preparados en calqueira caso para ir á Afganistán, non son remedio para nada.
Cando a neglixencia asasina do “Prestige” asolou as nosas costas, varias empresas, (tamén alleas ao noso país), entre elas TRAGSA, sacaron rendemento económico da traxedia. Tamén no monte seguen a sacar partido da traxedia do lume, primeiro a traveso da contratación das “superbrigadas” en lugar de investir na formación do persoal propio. Agora coa contratación urxente de cuadrillas e equipas anti-incendios, dando pasos claros cara unha privatización encuberta deste operativo contraincendios. Mesmamente logo, cando haxa que “rexenerar” a superficie queimada faráno tamén estas mesmas empresas (alleas tamén ao noso pobo e ao noso país), manexando un descomunal volume de negocio.
Así tamén os nosos gobernantes (os actuais e tamén os anteriores), axudados polos medios de comunicación, tentan de criminalizar gratuitamente ante a opinión pública á totalidade das brigadas forestais ante a detención dalgún dos seus membros, cando son estas brigadas as que levan sobre os seus ombreiros o pesimismo e traballo da loita contra o lume en primeiro termo, sen que se invista na formación e capacitación destes traballadores, ou na súa seguridade física, esencial en traballos desta natureza, que fan en condicións case sempre inhumanas, con quendas imposibles e sen avituallamento e locais de aseo axeitados.
A perversión argumental do sistema (Administración e cantos comulgan có réxime vixente), non ten límites. Nos últimos días lemos e escoitamos de todo:
- Que si os membros das brigadas apagalumes “deben de saber galego” (segundo a manipulación do diario “El Mundo”)...: Véselle o talante fascistoide e antigalego a hora de sacarlle punta a tamaña estupidez.
- Que si a Guarda Civil dará recompensas a aqueles que axuden a localizar os pirómanos...: A mesma “benemérita” enséñanos con fotos todo un arsenal de artiluxios para prender lume, “localizados” en diversos lugares onde prendeu o lume.
- Que si o Zapatero promete cartos para indemnizar aos afectados polo desastre,...: e comenzan [ou recorren] de novo ao xogo politiqueiro da declaración de “Zona catastrófica”. Todo parece indicar que o camiño escollido é a do “Prestige”, o Goberno paga, é dicir nós, e as nosas bocas temos que nos calar.
- Que si o mesmo Presidente promete dotar de máis medios para combater os incendios,...: e o Ministro do Interior e adláteres falan de preparar a brigadas do exército para o mesmo cometido, segundo eles; estarán listas no ano 2009.
En definitiva, toda unha campaña sutíl cando non descarada, que leva a amplas capas de opinión, incluso dos mesmos afectados a situar aos incendios como a gran trama da circunstancia, alonxándonos como non, de pensar que a gran trama foi diseñada nos anos corenta polo Patrimonio Forestal do Estado, máis tarde seguida dende o ICONA en aras de engordar a industria da celulosa e os intereses do capitalismo, en detrimento como non podería ser menos da economía tradicional e o que é máis importante do interés xeral.
A única alternativa válida (a única) é devolver ao monte galego ao que foi e ao que tivo que ser sempre, integralo nunha economía agraria sostibel coa explotación racional dos mesmos en harmonía co medio ambiente. O monte non é rentabel para os seus paisanos co sistema actual, pero si é máis que rendibel cunha explotación dimensionada e apoiada polos poderes públicos, porque o interés xeneral depende do monte.
O sistema de propiedade da terra non ten por que ser problema, se o goberno quere e establece o Corpus lexislativo axeitado, doutra banda existen as masas forestais veciñais (comunidades de montes en mán común) que deberan de ser (que hoxe non o son, por estar controlados na súa inmensa maioría polos caciques) a base da cal partir para a súa rexeneración radical.
Porque o monte galego en xeral é moi rendíbel:
Madeira: nogueira, freixo, castiñeiro, carballo, cerdeira, etc..
Froitos: noces, castaña, cereixas, etc..
Gando: Vacún, cabalar, cabuxas, ovellas
Apicultura, caza, micoloxía, pesca fluvial, esparcemento,...
E o que é mais importante; o mantemento da paisaxe e da biodiversidade, a auga, o ar limpo, coa súa extrapolación a unha economía inducida do ocio.
Unha alternativa que é aínda máis viable naquelas zonas máis próximas a Galicia litoral, máis poboada, por razóns infraestructurais e por necesidade da poboación engaiolada en pobos e cidades invivibeis.
Hai que dicir, por último que, desde o punto de vista dos investimentos, sempre será máis barato e doado traballar o monte que dotar a sociedade de medios para a extinción dos chamados incendios forestais. Dicir o contario e sinxelamente demagoxia ou burda e interesada mentira.

Galicia, Agosto de 2006.