C.I.E.S: UNIDADE DA ESQUERDA EN VIGO. Manifesto e Programa




22.07.06
De esquerda a direita
Xulio Alonso (EU-IU), X.M Garcia Crego(FPG) e Domingos Gallardo(PCPG)

.


CANDIDATURA INTEGRADORA DA
ESQUERDA SOCIAL C.I.E.S.
(EU.IU, FPG, ERG, PCPG)

Quen somos nós e que queremos ser e facer?
Nos momentos máis críticos e determinantes as posicións unitarias e integradoras conqueriron artellar fórmulas de unidade e avance que permitiron superar as agresións que contra o conxunto da clase traballadora significaba a realidade da contradición entre o capital e o traballo. Ese espírito unitario, democrático, plural artellou unha capacidade, aínda necesaria, de unir vontades na esquerda máis aló de siglas e particularismos.
Froito deste espírito tamén nace a nosa candidatura, traballo colectivo de varias forzas políticas da nosa cidade que nos recoñecemos como herdeiras da esquerda alternativa, con vontade transformadora e superadora do capitalismo, e con espírito radicalmente democrático, entendendo democracia como a vontade da maioría, é dicir, do conxunto dos asalariados e asalariadas, de todo o pobo. E por isto a nosa candidatura ábrese expresamente a persoas sen adscrición partidaria, a grupos e asociacións da cidade que compartan connosco estas ideas.
Dende experiencias políticas diversas pero cun horizonte e tronco común converxemos, en Vigo, nunha fronte común que se articula tamén como plataforma electoral, convencidos da necesidade de dar voz e espazo á esquerda no noso concello, unha esquerda ausente na institución e que, porén, latexa nos movementos sociais e nas mobilizacións que de forma exemplar protagonizou a cidadanía viguesa nestes últimos anos.
E converxemos, non por oportunismo político, senón pola reflexión común de que o reagrupamento de forzas progresistas pode conter a unidade entre a dereita económica e a política, confesional e cultural. Nestes anos, unha voz que denunciase actuacións como a proposta de PLAN XERAL DE ORDENACION MUNICIPAL, as deficiencias medioambientais e de desenvolvemento sostíbel da nosa ría, dos nosos recursos forestais, dos nosos sistemas de depuración de augas residuais, etc… unha voz que denunciase este modelo de política municipal como modelo económico neoliberal, que fixese da participación democrática da veciñanza o eixo do municipalismo non só non estivo presente, senón que o seu espírito foi deturpado por forzas que, reclamándose de esquerdas e nacionais, auparon a dereita privatizadora, do centralismo rancio e especuladora á alcaldía e ao goberno da cidade.
Trazar pontes entre a mobilización social e o traballo institucional, converter os concellos en institucións onde a democracia participativa sexa o cerne político e a base de interrelación entre o cidadán e a institución que lle é máis cercana. Eis aí a nosa proposta.
As forzas que confluímos nesta candidatura expresamos tamén a nosa aposta por definir políticas sociais orientadas aos problemas socioeconómicos (emprego, vivenda, sanidade, educación) e medioambientais evitando converter os concellos en entidades urbanizadoras, vendedoras de empresas municipais e manexadas polos intereses do sector da construción e da promoción immobiliaria. O capitalismo, en definitiva, entra tamén nos concellos, marbellizando o municipalismo, evitando o control público dos servizos, clientelizando o movemento veciñal e afogando o asociacionismo crítico e construtivo que xurdira na nosa cidade durante os derradeiros anos do franquismo.
Cremos posíbel a eficiencia dos servizos públicos dende unha xestión democrática e transparente do concello, firmemente comprometida na loita contra as tramas da corrupción. Avogamos pola recuperación de servizos como o transporte (actualmente en mans dunha concesionaria monopolista con tarifas abusivas), a creación dunha empresa municipal de vivenda que promocione o aluguer e o acceso á vivenda pública, a democratización e transparencia na contratación de persoal, en definitiva, un concello progresista que responda ao perfil sociolóxico da cidade, obreira e popular.
Tense dito que Vigo é máis ca unha cidade: é unha comarca que reune en si toda a esencia do que é Galicia, da que se constituíu ao longo do tempo en verdadeiro motor socioeconómico e político. Do mesmo xeito que de aquí xurdiron historicamente boa parte das iniciativas culturais e de renovación, así desde o concello deberíase realizar un esforzo trascendental en defensa da nosa lingua e da nosa cultura, como tamén promover e apoiar a reivindicación do recoñecemento do dereito a decidir de Galiza como nación, procurando un mundo plural e solidario.
Nestes anos asistimos a unha degradación evidente do perfíl político do concello, incapaz de librarse da presión dos promotores, desastrosamente incompetente no aporte de solucións para as infraestruturas necesarias (depuradora, rexeneración e conservación do noso único entorno rural, creación de emprego no municipio, etc…) e froito desta realidade miles de cidadáns, especialmente a mocidade, asisten desinteresadamente a unha sucesión de gobernos de todo tipo e con alianzas, as veces antinaturais, que non axudan a que Vigo se recoñeza na súa clase política. Cómpre responder á chamada da cidadanía que pretende mudar as cousas, que quere participar no concello, non só votando cada catro anos senón considerando ao concello como o espazo onde nos recoñecemos e organizamos todos e todas.
Considerámonos herdeiros fieis de quen loitaron con inmenso sacrificio pola verdadeira democracia, polas conquistas sociais e polos bens públicos do pobo e para o pobo. Reivindicámonos republicanos, e defendemos os valores que representou no seu día a Frente Popular. E por iso somos tamén activos partícipes nos labores de recuperación dunha memoria histórica que nin o franquismo nin os seus sucesores deron borrado das nosas conciencias.
Cando se cumpren os 70 anos da sublevación fascista, esta Candidatura asume e renova o compromiso que lle dera centos de alcaldías, incluída a de Vigo, á Frente Popular o 16 de febreiro de 1936: Crear poder popular, dar a voz á república dos traballadores e traballadoras, tamén nos municipios.
.
__________________________________________
O por que do nome C.I.E.S.

Alén das razóns apuntadas para constituirmos esta fronte da esquerda en Vigo, procurouse un nome que foi escollido entre as catro forzas por consenso.
O nome de C.I.E.S. para a Candidatura polo seu alto valor simbólico contén en si mesmo moitos significados:
As Cíes son un espazo común e recoñecido por toda a veciñanza como un dos lugares emblemáticos de Vigo;
representan a liberdade;
son seguridade e firmeza na defensa da ría;
un baluarte ecolóxico e de protección do medio ambiente;
primeiro e último punto da cidade para a nosa relación co mundo (da emigración no pasado século aos mariñeiros de antano e de hogano; paso obrigado para os buques de cruceiro que traen visitantes de outros países que veñen coñecer Galiza, como tamén daqueles de cabotaxe que transportan contedores con mil e unha mercadoría da economía global);sempre as mesmas e sempre cambiantes, son o horizonte onde pousar a vista e repensar os anceios do pobo de Vigo
.
_____________________________________
.
PROGRAMA DE MÍNIMOS DE C.I.E.S
Proposta da Coalición para o Concello de Vigo
__________________________________
.
1º Desenvolvemento dunha democracia real e participativa.
Referendum. Descentralización política e administrativa do Concello: Distrito, Parroquia, etc.- Compromiso na loita contra a corrupción e a especulación. Transparencia na xestión pública.

2º Por un urbanismo sustentable social e ecoloxicamente.
Non ao PXOM.-Creación dunha Área Metropolitana orientada ao sur, cara o río Miño.

3º Por uns orzamentos de progreso, participativos, que garantan o funcionamento dos servizos públicos.
Non ás privatizacións. -Reversión das contratas e Municipalización.

4º Fomento, compromiso e apoio da cultura popular e de base, e que achegue a cultura a todos os cidadáns e aos barrios e parroquias.
Aplicación íntegra da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística.-Política de promoción de centros públicos de Primaria e Secundaria no centro da cidade.

5º Defensa do patrimonio natural e paisaxístico.
Non aos recheos na Ría.- Defensa dos nosos montes e espazos naturais.

6º Compromiso pola creación de emprego estable e de calidade nos servizos públicos prestados polo Concello.

7º Comportamento laico dos representantes públicos, da Corporación e do Concello como institución.

8º Eliminación da simboloxía fascista. Recuperación permanente da memoria histórica.

9º Creación de vivendas públicas para venda e aluguer.

10º Infraestruturas de transporte necesarias para a cidade.
Impulso e mellora do transporte público e metropolitano.-Por un Porto ao servizo da cidade.

11º Políticas de Benestar Social.
Maiores, discapacitdos, inmigrantes, xuventude, marxinación social; combate ao narcotráfico.

12º Políticas de igualdade.
Defensa dos dereitos da muller.-Dereitos dos cidadáns con independencia da orientación sexual.

13º Por un Vigo solidario.
Apoio á Coperación Internacional.-Pola Paz.

Vigo, Xullo de 2006

Esquerda Unida
Frente Popular Galega
Esquerda Republicana Galega
Partido Comunista do Pobo Galego