Seica andan por aí as tramas incendiarias, ao dicir de moitos, e é certo.
Mais a trama non é contra este governo, a trama é contra este povo. É a guerra polo lucro das mafias inmobiliarias e constructoras, das industrias da madeira, do grande capital español e do grande negocio do lume.
Ten as súas raices no “desarrollismo” franquista que identificaba xa daquela industrialización contaminante, eucaliptización e cemento con desenvolvemento. Ten que ver co que veu despois: O Mercado Común Europeo que hoxe tan ben xestiona a oligarquía española+a Unión Europea.
Liquidación da industria naval, do noso agro, da pesca, da gandeiría, dos nosos milenarios bosques autóctonos. Expulsión da nosa forza de traballo:“Galicia, sen homes quedas”, e sen mulleres. A xente vaise, ¿Quen vai coidar dunha terra que non dá de comer?. Urbanización salvaxe, os “Gil y Gil” de turno teñen presa. Marbella en Galiza, a terra e o monte xa non son nosos, destrucción dos ecosistemas, desertización... Como antes ATILA.
O mapamundi de Hitler, disque, poñía na zona noroeste da península ibérica: “patacas”. O mapamundi da España dos monopolios e da U.E pon no cadradiño de Galiza: “Celulosas, Finsas, Tragsa, Turistificación, ACS, GAMESA, etc. Vivendas feas(seica 600.000 nos próximos 10 anos na costa galega...), praias que por enriba vense limpas, diñeiro fácil, “blanqueo”.
Compre expulsar aos incómodos nativos.
O lume tan pertiño das casas serve para iso, e o combustibel de piñeiros e eucaliptos é execelente. Desta arderon catro seres humáns. Foron danos colaterais.
Mais non haberá fume mediático, nin mentiras que nos poidan enganar..As promesas de diñeiro dos gobernos non nos conmoven. Que non conten con nós para apoiar o enorme negocio de apagar os lumes da nosa traxedia.
O capital manda e mata. Dificilmente un goberno que non asume esta verdade, un goberno que non queira cambiar de verdade este modelo, ou que aposte polo proxecto dos monopolios, poderá impedir que o lume volte unha e mil veces. O capital é o pirómano máis tolo de todos os tolos.
Tanto lle ten que arda o mundo con tal de encher o peto.
Este modelo de suposto “desenvolvemento e progreso” é o que temos que por en cuestión, un modelo no que Lei e delincuencia ván de bracete pola rúa e por todas partes sementando morte. E por iso querémolo tamén no banquiño dos acusados!
Non se pode manter complicidade co grande capital e a reacción aplicando as súas políticas, nin coas imposicións da Unión Europea, esa mafia internacional de peixes gordos, e pretender ao tempo que Galiza non arda.
Non se poden ter miramentos coas inmobiliarias e constructoras e tentar defenderse hipocritamente do “terrorismo do lume”, que o é, ou pretender que Galiza non arda.
Que os gobernantes o pensen ben. Non os votarán eternamente para que consintan facer de Galiza un páramo que nin aos turistas lles há gostar, e moito menos a nós. NÓS, @S NATIV@S. Nós, @s que non queremos ser expuls@s da Nosa Terra, nin polo lume nin pola fame.
POR UNHA GALIZA VERDE, CEIBE E SOBERANA!
DEFENDAMOS A NOSA TERRA, O NOSO MAR E OS NOSOS MONTES.
DEFENDAMONOS COMA POVO.
LUME AO CAPITALISMO!
Comité Nacional do Partido Comunista do Povo Galego