POR SOLIDARIEDADE DE CLASE, O DIA 6 APOIEMOS O PARO DO SECTOR NAVAL

Apoiemos o paro do Sector Naval na provincia de Pontevedra convocado pola CIG e a CUT en solidariedade cos catro compañeiros procesados.

Este próximo 6 de novembro, ás 10 da mañá, no Xulgado do Penal nº1 de Vigo, vai ter lugar o xuízo contra Emilio Docampo, Daniel Cascallar, Ivan Piñeiro e Xosé García, compañeiros detidos na última Folga, e acusados pola policía e o Fiscal de participar nos incidentes naquela mobilización do metal nas rúas de Vigo.
Ao fin, despois dun tempo que, temos que o dicir, consideramos excesivamente prolongado, a CIG fixo pública a decisión de apoiar a proposta de folga en solidariedade con estes catro compañeiros procesados que, lembremos, foi feita desde a CUT a esa e a outras centrais sindicais na xuntanza celebrada o pasado 17 de xullo. Como moi coerentemente di esta última central, a CUT, no seu comunicado: "a acusación e a petición de catro anos de cadea e pago de danos para cada un dos compañeiros, ten como obxectivo escarmentar ao sector, na persoa dos catro".
De aí tamén a necesidade de darlle unha resposta sindical clara e solidaria a este atropelo cometido contra os catro compañeiros que van sentar no banquiño “dos acusados”, tendo claro tamén que o castigo que queren impor aos catro traballadores ten como obxectivo colateral meter medo para a próxima negociación do Convenio Colectivo.