NO ANIVERSARIO DO PRESTIGE SEGUIMOS A DENUNCIAR DESFEITAS MEDIOAMBIENTAIS

GNSV ocupa edificios públicos para denunciar a catástrofe medioambiental que ameaza o territorio galego.

Coincidindo co sexto aniversario da maior devastación ecolóxica que tivo lugar no noso país, a rede alerta dun novo “Prestige” que navega polas augas dos mercados capitalistas até as consellarías da Xunta. Para denunciar esta ameaza medioambiental, activistas de GNSV pecháronse esta mañá en diversos edificios públicos das principais cidades e vilas galegas. [Ver fotos dalgunhas destas accións.

Baixo o lema “Goberne quen goberne. Galiza non se vende!” difundiuse un MANIFESTO co que se denuncian as políticas continuístas que seguen vendendo o País a intereses escuros, depredando, aplicando modelos traídos doutros lugares, provocando que Galiza perda de vez a súa idiosincrasia e se afiance nunhas prácticas económicas, agrícolas, paisaxísticas, medioambientais,enerxéticas, territoriais, relacionais… que nada teñen que ver coas necesidades do País e das súas xentes, coa vida digna de quen hoxe habita a Terra e de quen poda vir despois.