O Sindicato Labrego Galego, convoca baixo o lema xeral “Polo dereito á negociación colectiva dos prezos” unha manifestación para o día 18 de novembro diante da Consellaría do Medio Rural e con remate no Obradoiro diante da sede oficial da Presidencia da Xunta de Galiza ás 11,30 da mañá.
Como xa é sabido o Sindicato Labrego Galego negouse a asinar o contrato homologado para o leite, e posteriormente o da pataca, por non haber prezo mínimo para poñer no contrato. A manifestación que agora convoca o SLG é a única que defende prezos que cubran os custes de produción e que paguen o traballo das labregas e dos labregos.
No contrato do leite, na cláusula do prezo, dise, “o prezo será o que acorden libremente vendedor e comprador”. Mais o de “libremente” é unha farsa, todo o mundo sabe que son as empresas as que impoñen absolutamente todo.No tocante aos prezos de mercado: outra farsa.
Os prezos de mercado márcanos industrias e distribución co único criterio de gañar máis e apoiar a industrialización do proceso de produción de alimentos. Aquí quen sempre perde son labregas e labregos e o conxunto da cidadanía. O SLG defende o establecemento de prezos mínimos que cubran custos e traballo.
O dereito á negociación colectiva dos prezos e que estes inclúan custos e traballo de produción é fundamental para manter a agricultura e a alimentación nas mans da cidadanía e fóra do control das multinacionais.
PREZOS XUSTOS PARA OS PRODUCTOS AGRARIOS!. EN DEFENSA DOS NOSOS LABREGOS E LABREGAS
MOBILÍZAMONOS CO SINDICATO LABREGO GALEGO