COMUNICADO DE CAUSA GALIZA SOBRE AS MOBILIZACIÓNS DO PRÓXIMO 17 DE MAIO

Todo é pouco para deter a brutal ofensiva do españolismo versión PP que trata desta vez sen subterfuxios ou excusas, desprotexer aínda máis o noso idioma na Comunidade Autónoma.

Temos que lembrar que esta política é resultado inevitable do fracaso desa outra política: a do PSOE-BNG –timorata, ambigua, contraditoria, acomplexada- que non supuxo apenas un avance real da lingua galega.

Causa Galiza é consciente de que a autodeterminación e a soberanía nacional están intimamente relacionadas coa defensa e o avance da única lingua da Galiza, a lingua do seu pobo traballador. A máis consciencia e máis galego máis autodeterminad@s e soberan@s seremos.

Temos, mulleres e homes deste País, a obriga de parar e confrontar os ataques que a nosa identidade padece polo proxecto asimilacionista español. O noso deber tén que consistir en apoiar e afortalar o tecido social a prol do galego.

Achámonos nunha encrucillada, o idioma propio, o idioma dos nos@s antepasad@s que nos identifica como pobo útil, utilizado e comprendido por millóns de persoas, quere ser fagocitado, esnaquizado e extinguido por un feroz inimigo instalado nun brutal autoodio descerebrado e suicida.

A toda esta dura e longa loita temos tamén que engadir a aínda máis precaria situación das comarcas estremeiras do Eo-Navia, O Berzo, Cabreira e Seabra. Mais teñamos confianza en nós mesm@s. Esta loita será vencida pol@s que temos a razón e a xustiza do noso lado tarde ou cedo.

Na Galiza, en galego!. Paremos a ofensiva españolista! O galego é o noso único idioma!