DIA DA PATRIA GALEGA 2010: CONTRA O IMPERIALISMO E A EXPLOTACIÓN CAPITALISTA, POR UMHA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!

Desde o PCPG, saudamos a todos/as que se manifestan neste novo Dia da Patria Galega.
Hoxe, xunto coa parte máis conscente do povo galego reivindicamos o noso direito a autogobenarmos e organizarmos a nosa vida e o noso futuro como povo.

Un ano máis demandamos o elementar e irrenunciable direito democrático de AUTODETERMINACIÓN nacional e condenamos todo aquilo que nos aldraxa, que se opón ou impide secularmente o exercicio das nosas irrenunciábeis liberdades nacionais e de clase.

Repudiamos un réxime que subordina a nosa vida aos propósitos dos que destrúen os nosos recursos e medios de explotación tradicional e que segue a expulsar, ás cheas (como ten feito secularmente) do noso agro e do noso mar, ao mellor do noso povo.

Erguémonos indignados contra esa “realidade” que nos proscribe e relega, porque Galiza é umha terra rica en recursos naturais e humanos, privada de producir para os seus propios habitantes e na que existe un mar de desemprego, prestacións de miseria e salarios e pensións inferiores ao promedio do Estado Español ao tempo que, ainda agora, centos de miles de mozos/as galegos/as teñen que emigrar, para despois atopar os peores traballos e os salarios máis baixos.

Rexeitamos as políticas asimilistas que atacan sen piedade a nosa lingua nacional e proletaria e marxina a nosa cultura popular mentres que, desde o seu desdén neo-colonialista e grande-español, infiltra e difunde entre a mocidade e o noso povo traballador a falacia do bilingüismo e a especie da cultura “común”.

Condenamos os séculos de dominación imperialista e a tirania expoliadora que padecemos e exiximos liberdade e respecto para todos e todas os que loitan e se rebelan, para todos e todas aqueles/as que son maltratados ou mesmo son presos ou desterrados nos cárceres dun Estado corrupto e infame do reino de españa que é, en si mesmo, cárcere de nacións e de povos.

Denunciamos e desenmascaramos aos paladins deste réxime, aos seus medios e plumíferos (tardofranquistas e “demócratas de toda la vida”) que coa complicidade duns novos autonomistas ben instalados manipulan e xustifican con todo tipo de mentiras.

Son os mesmos que defendían hai pouco menos de 3 décadas o direito de Autodeterminación que desautorizan agora. Os mesmos que, con descaro e impudicia criminalizan hoxe a súa simples mención propagando que no noso pais se teñen acadado cotas de autogoberno (“autónomo”, claro está) seica nunca vistas.

Mergullados na súa ignorancia e cinismo non se decatan que do seo do povo xurden colectivos que organizan a rebeldía popular e de clase, mozos e mozas, homes e mulleres dignos e lúcidos que non dimiten nin se resignan; obreiros xenerosos e capaces para organizaren resistencias e combates contra a explotación capitalista ou submisión e decaemento nacional, contra a inxustiza social e a represión en todas as súas formas; contra as guerras de ocupación e barbarie imperialista ou contra o deterioro ambiental, etc

É-nos grato ver ducias de miles de manifestantes saindo ás rúas do noso país para berrar que Galiza non se Vende!. Miles e miles de de persoas dignas de toda condición; traballadores e traballadoras galegos que se erguen en todo o país contra os plans destructivos que promove o grande capital; contra as privatizacións, a precariedade e inseguranza laboral, contra a represión e persecución da disidencia e a violación de direitos políticos e sociais ou contra suba dos prezos. Sinais inconfundibeis de que o povo galego traballador, a clase obreira e a súa mocidade loitan en defensa da Terra e contra do seu sometemento secular; combaten contra a explotación e a opresión nacional a mans das corporacións expoliadoras do capitalismo transnacional.

Sabemos que o noso futuro inmediato baixo a súa dominación e despotismo capitalista e centralista será de máis explotación e inxustiza social envolveito en todo tipo de sutilezas: Máis explotación e precariedade, máis destrución do territorio, máis depauperización e máis ataques ao idioma, máis agresións á identidade e á nosa cultura nacional milenaria, por ser a do povo traballador.

Pero non nos importan nen impresionan os seus cantos de serea, as súas ameazas nen as súas reviravoltas e atavíos. Inspíranos a clarividencia e firmeza dos que combateron e loitan, daqueles que foron ou son paradigma de servizo á causa do noso povo. Como dicia algún dos nosos clásicos, “A AUTODETERMINACIÓN É CATEGORICAMENTE A ESENCIA DA LOITA DE CLASES NAS NACIÓNS SEN ESTADO”, porque só "tomando control” dos seus recursos e territorio pode o povo traballador galego avanzar cara súa emancipación. E só facendo iso poderá comezar a construír o socialismo.

O Partido Comunista do Povo Galego, como parte deste combate, noso desde o primeiro momento, apoiamos esta causa de todo corazón e apelamos ao noso povo traballador a sumarse decididamente a ela.

Neste Dia da Patria, o PCPG chamamos a apoiar a convocatoria de Causa Galiza, plataforma unitaria que agrupa as vontades de ducias de organizacións e colectivos populares e esquerda de todo o país entre os que estamos desde a primeira hora, hoxe expresión plural e coincidente nese camiño de loita que debemos percorrer en común pola AUTODETERMINACIÓN e nós reivindicamos tamén polo POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA, con espirito de xenerosidade, e sen particularismos.

-SEN AUTODETERMINACIÓN NON HAI SOCIALISMO!.
-SEN SOCIALISMO NON HABERÁ SOBERANIA NEN INDEPENDENCIA.
-CONTRA O CAPITAL FOLGA XERAL!. POR UNHA GALIZA SEN EXPLOTACIÓN.
-VIVA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!