27 de Xaneiro: Todos e todas á folga (greve) xeral!. Non á reforma das pensións!. Contra o grande capital!. Non paguemos pola súa crise!
A devastadora crise que afecta o capitalismo mundial produce cifras de desemprego masivo e presaxia un futuro desolador, especialmente para os mozos e mozas. O paro xuvenil supera en moitos casos as cifras arrepiantes do 40% e os niveis de vida caen cada vez máis rapidamente.
Este é o prezo que a clase obreira a mocidade están a pagar por causa desta nova recesión do sistema capitalista, a máis profunda, a mais importante e terribel crise dos últimos decenios.
Para tratar de endereitar ou estabilizar a situación económica e seica diminuír o déficit público, o grande capital a traverso dos seus partidos burgueses, dos seus medios de manipulación de masas, das súas institucións e aparellos de poder, están a discutir como se por de acordo para acadar umha “saída”, un novo acordo “pacto social”.
Todos eles están unidos na crenza de que somos nós, a clase obreira, os que temos que pagar pola súa crise. A reforma das pensións, agora, e a reforma laboral, fai uns meses, son parte dos plans do goberno e a oligarquia para realizar recortes aos orzamentos e, sen dúbida, principio dos ataques que se están a producir e van producirse cada vez con maior intensidade. Estes son os seus plans e designios, a "axenda" dos capitalistas que nos queren impor a nivel universal. E a clase traballadora coas súas organizacións deben prepararse para para loitar contra ela. Non podemos aceitar retrocesos en direitos históricos conquistados con tanto sangue loita e sacrificio.
O incremento da idade da xubilación aos 67 (quen sabe se non aos 70 anos) é un ataque brutal e infame contra a clase obreira e o povo. Umha medida que indica ás claras cal será o futuro ao que se enfrontarán a maioría dos traballadores e das traballadoras se o capitalismo ten éxito en botar sobre os nosos ombreiros o prezo da súa crise estrutural de sobreproducción.
Despois de construír os supostos éxitos e “milagres económicos” sobre as costas dos traballadores e das súas condicións precarias, os governos e a patronais pretenden agora que traballemos até o esgotamento e a extenuación para pagar a súa crise. Este vai ser un ataque, entre moitos outros intentos, para baixar os nosos niveis e condicións de vida. E fronte a estas agresións, a clase obreira e todo povo traballador non teñen outra opción que a da loita decidida e consecuente.
Galiza e o seu povo, con cifras de paro por volta ¼ de millón de persoas, en grande parte sen ningún medio de subsistencia mentres que o resto sobreviven con subsidios de miseria e coas pensións mais baixas de todo o estado español, non pode aceitar nen soportar estes brutais ataques anunciados polo goberno do estado bourbónico español nin os recortes servizos públicos básicos dos que dependen os/as máis pobres, que anuncia o governiño da Xunta de Galiza. Non podemos aceitar mansamente estas “solucións” que, desde logo, non somentes non inclúe medidas contra aqueles cuxo latrocinio desbocado e especulación irresponsabel contribuíron a acrecentar a bestiaslidade desta crise económica senón que, mesmo receberon axuda criminosa en forma de ducias e mesmo centenas de miles de millóns de euros das arcas públicas.
A lóxica capitalista do goberno PSOE, compartida polos xefes do PP e por todos os partidos da oligarquía española e/ou submetidos a ela, significa que queren solucionalo consensuadamente ás nosas e coas nosas costas. O grande capital, a través do seu consello de administración (o goberno español) queren facernos pagar pola crise que eles criaron e impornos o seu infame plan de miseria e recortes sociais.
Meses despois das medidas impostas coa chamada “reforma Laboral”, que aprofunda nun modelo de contratación temporal e de “flexibilidade” que é precisamente o principal responsabel da extrema gravidade con que a crise golpea aos traballadores e traballadoras con umha temporalidade e precariedade nunca vistas e con cifras de desemprego que son os mais altos de Europa, non podemos aceitar, senón que temos que rexeitar con todas as nosas forzas o chamado “diálogo social”!. É tempo de reaxir, é tempo de nos erguer con dignidade. É tempo loitar!
Mentres o goberno e a patronal planean umha onda de ataques sen precedentes contra o noso proletariado e todos traballadores, os burócratas de cúpula dos grandes sindicatos españois e colaboracionistas, UXT e CCOO están aínda negociando con eles e de costas aos traballadores e traballadoras aos que din historicamente (mais hipocritamente) representar.
Hoxe máis que nunca precisamos dun sindicalismo forte, unido, de clase, democrático e de loita contra os ataques da patronal e o goberno. O diálogo e a “paz social” non ofrecen nada nesta situación e soamente serven para desarmar o movemento obreiro e desactivar as súas loitas, cando pola contra este debería de estar a se preparar para este combate a vida ou morte.
Por iso, os comunistas do Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) apoiamos e saudamos con entusiasmo a convocatoria da folga xeral de 24 horas para este 27 de Xaneiro en Galiza, por parte da Confederación Intersindical Galega (CIG) que conta co apoio doutros sindicatos minoritarios e das organizacións da esquerda anticapitalista, revolucionaria, nacional e rupturista consecuente e chamamos a fortalecer e darlle continuidade a esta fronte de acción e combate obreiro e popular galego que, partindo da premisa da longa travesía que ainda temos por diante, precisa do máximo apoio, organización e unidade obreira, mesmo por medio de comités unitarios ou plataformas amplas de loita nos bairros, centros de traballo e de estudo, para organizarmos a continuidade das mesmas e a máis que previsibel preparación de novas folgas de carácter xeral contra as novas ofensivas da patronal e dos seus gobernos.
Camaradas e amigos/as, esta crise evidencia que o sistema capitalista é incapaz de proporcionar prestacións e seguridade social, pleno emprego, vivenda e outros servizos e nin pode nin está en condicións de ofrecer un futuro digno para a maioría maioría do noso povo.
O sistema capitalista só serve para que as clases opresoras e explotadoras obteñan beneficios a costa do imenso sofrimento do povo e da clase obreira e debe ser substituído por un novo modelo de progreso para a nosa sociedade e para a humanidade, por unha sociedade máis avanzada e civilizada que utilice as riquezas e os recursos da natureza e da producción material para resolver as necesidades de todos e non para asegurar os beneficios duns poucos.
Nesta hora tan difícil o Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) chama, aínda máis, á loita unida por umha civilización libre de toda opresión e explotación baseada na propiedade pública numha economía planeada democraticamente para resolver os problemas fundamentais dos traballadores e traballadoras, pola organización dumha sociedade de igualdade, xustiza e liberdade superadora do capitalismo depredador, da barbarie imperialista e da pobreza. Por unha sociedade socialista!!.
Todos e todas á Folga Xeral Nacional. Todos e todas ás manifestacións que se van celebrar nas principais vilas e cidades galegas.
Viva Galiza Ceive e Sen Explotación. Viva a República Socialista Galega!!
26 de Xaneiro de 2011. Comité Nacional do PCPG