Nesta primavera de 2011 conmemórase o 140 aniversario da Comuna de París, a Primeira Revolución Proletaria na época daquel capitalismo novo e ascendente na Francia imperial do sobriño de Napoleón. Aquela primeira toma do poder político por parte dos traballadores e traballadoras parisienses foi esmagada a sangue e lume, con milleiros de fusilados, pola reacción burguesa de Versalles coa conivencia do Estado Maior da nova Alemaña de Bismarck. Pese a derrota, Marx tirou como ensinanza que o proletariado non podía limitarse simplemente a tomar posesión do Estado nas súas mans, senón que, fronte á ditadura do capital, o que cumpría facer era derrubalo e erguer un poder de novo tipo, obreiro, revolucionario e autenticamente democrático: a ditadura do proletariado.
O 8 de marzo de 1908 as traballadoras da fábrica téxtil Cotton Textil Factory, en folga por demandas laborais e salariais, foron pechadas nos talleres da fábrica polo seu patrón, que prendeu lume ás instalacións, asasinando a 129 mulleres. Un crime xenocida que repetía os acontecementos doutro 8 de marzo de 1857, daquela en Nova York, coas traballadoras da Fábrica Cotton en loita contra o traballo infantil e pola xornada de 8 horas, cun balance de 146 traballadoras asasinadas pola represión. O capitalismo ascendente na etapa dos trust e do imperialismo empregaba, como sempre que o precisou para o mantemento da súa dominación, os recursos criminais da súa violencia de clase para bater contra o movemento obreiro.
O 10 de marzo de 1972, a clase obreira do eixo proletario galego de Ferrol-Vigo acada a súa plena madurez como clase, combatendo de xeito heroico polos seus intereses inmediatos ligados á loita contra a ditadura fascista da oligarquía franquista, deixando dous mortos, centos de feridos e decenas de encarcerados e represaliados. Un episodio que coincide coa crise que pon fin á última longa etapa keynesiana de desenvolvemento industrial e económico do capitalismo, tras do que se abre o período de irrupción do neoliberalismo artificioso que conducirá a crise actual. Desde aquela o proletariado galego eríxese no actor principal da loita de clases na nosa Nación, paralizando o País nas folgas xerais contra a reconversión naval e as reformas antiobreiras do pactismo social, e significándose en todos os conflitos e loitas populares.
Estes fitos márcannos hoxe, alén dos anos transcorridos. Son exemplos do que é a loita de clases e dos custes que comparten ás conquistas socias, por elementais que poidan parecer a tempo pasado. Vidas, sangue, represión, miseria, pois o capitalismo é un sistema de explotación, non un benfeitor social, e toda mellora tivo que se arrincar con impagábeis sacrificios.
A venda masiva e barata da forza de traballo das proletarias foi fundamental no proceso de acumulación capitalista no pasado. Hoxe a súa loita continúa contra a explotación e contra a opresión social que sofren como clase e como xénero e pola plena igualdade laboral e salarial, pola dignidade fronte ao acoso laboral e sexual no traballo, e na defensa da propia vida e integridade persoal contra os malos tratos e crimes de xénero. Hai sectores produtivos onde as mulleres constitúen a esmagadora maioría da clase obreira, e xogan un papel destacado nas loita do conxunto do movemento obreiro. A loita das mulleres traballadoras é unha cuestión de clase e de emancipación social, e conmemorar o 8 de marzo é reivindicar unha parte imprescindíbel da historia da nosa clase.
Tamén para a clase obreira galega este 10 de marzo ten unha significación especial. Podemos manifestar con orgullo que o proletariado galego estivo á altura da circunstancias mobilizándose no pasado 27 de xaneiro en rexeitamento da traizón consumada polos bonzos das direccións sindicais de CCOO e UGT, que actuando de dique de contención do movemento obreiro nun momento decisivo e facendo fume do seu decadente discurso socialdemócrata, vendéronse unha vez mais polas trinta moedas de Xudas da recompensa do goberno servil da oligarquía financeira. Unha recompensa á baixa, pois os plans do gran capital pasan polo cuestionamento do propio sindicalismo e do dereito laboral en si mesmo, e a ofensiva contra os dereitos sindicais e a capacidade normativa da negociación colectiva, pretendendo desregular as relacións laborais, para poder competir en salarios e produtividade cos chineses, como di con descarada claridade o Sr. Feixoo. É dicir, salarios de miseria, precariedade extensiva e despotismo patronal ilimitado legalizado.
O certo é que o capitalismo non pode artellar outros plans. A súa supervivencia pasa pola derrota incondicional do movemento obreiro e pola guerra, a agresión imperialista, e un novo reparto do pastel económico e xeopolítico mundial. O seu futuro é a depresión crónica nesta fase terminal nas décadas de agónico porvir que nos agardan. Por iso é tan importante lembrar a nosa historia proletaria, o 8 de marzo, o 10 de marzo, e neste ano moi especialmente ás e aos comunards parisienses de 1871. Pois aprendemos deles que a súa derrota foi resultado dunha batalla limitada a unha cidade, malia a solidariedade e simpatía dos traballadores europeos da época. A nosa loita presente, a da clase obreira galega, a das mulleres traballadoras, a de todo o proletariado do resto do Estado e de Europa, a dos traballadores exipcios ou tunesinos, non son loitas illadas. É o mesmo combate contra inimigos comúns, nunha conxuntura común de crise capitalista internacional. Na Galiza, xunto aos outros pobos do Estado e de Europa, imponse erguer a UNIDADE DE CLASE e de todo o pobo traballador, pola base, por riba de siglas, para levar desde as reivindicacións inmediatas de emprego, coberturas sociais e salarios dignos á REBELIÓN contra este goberno capitalista e calquera outro que nos queira impor este réxime da corrupta democracia burguesa. Esa é a nosa misión nesta guerra mundial contra o capital.
Forxa!! (Colectivo Marxista-Leninista)
Partido Comunista do Povo Galego (PCPG)
Ateneu Proletário Galego
Descarga a folla Forxa!! (Colectivo Marxista-Leninista)
Partido Comunista do Povo Galego (PCPG)
Ateneu Proletário Galego