Hoxe 25 de Xullo, Dia da Patria 2011: UNIDADE, SOBERANÍA, SOCIALISMO! POLA REPÚBLICA GALEGA!!

Hoxe 25 de Xullo, Dia da Patria 2011: UNIDADE, SOBERANÍA, SOCIALISMO!
POLA REPÚBLICA GALEGA!!

O Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) saúda fraternalmente a todos e a todas as que asisten ás mobilizacións e actos deste Día da Patria Galega, a esta nova xornada de reafirmación e dignificación nacional.

Xa pasaron máis de 30 anos de “estatuto de autonomia”`e estamos no medio dunha crise bestial e sen precedentes da era capitalista. Tres décadas de integración nun novo modelo de dominación no que o instrumento autonómico foi e continúa a ser un dos seus máis valiosos inventos para asegurar a acumulación capitalista nos espacios alleos (primeiro estatal e agora europeu) para impedir a libre determinación de Galiza, Euskal-Herria e Catalunya e para lhe dar continuidade a bárbara destrucción do noso territorio, da nosa cultura popular e da nosa lingua nacional. Un instrumento para lle dar continuidade ao espolio e depredación secular dos nosos recursos, da nosa man de obra (barata) convertida en permanente emigración: esa sangria secular e xenocida utilizada túzara, sistemática e cruelmente contra o noso povo.

30 anos de incompetencia “autonómica” que impediron decidirmos por nós propios en función dos nosos intereses supremos; de insolvencia para garantir os mínimos avances na soberanía do noso povo, desde submisas administracións que, a modo de virreinatos, lexitiman e perpetuan a crise que de xeito estrutural padece a Nosa Terra.

Tres décadas nas que se apoiaron en partidos parlamentaristas e oportunistas, dunha ou doutra cor en sucesivos governos da Xunta que nunca amosaron vontade política de parar tanta agresión, que nunca cuestionaron o papel dependente da nosa economía nin potenciaron seriamente, senón ao contrario, a cultura nacional e o noso idioma. Que no nome da “modernidade” nunca cuestionaron a pertenza á organización terrorista e imperialista OTAN que envia mozos e mozas galegas a guerras e conflictos para asegurar o expolio e o dominio de países doutros confíns do mundo, nin discutiron a nosa pertenza á UE e ao euro, que significou empioramento das nosas condicións de vida e o desmantelamento da nosa industria tradicional estratéxica: naval, leiteira, conserveira, gandeira, pesqueira.. Que nunca obxectaron a destrucción da nosa flota de pesca de altura nin se resistiron ao monocultivo do eucalipto, a destrucción da rede de comunicacións ferroviarias de proximidade, as sucesivas “reformas laborais”, as míseras pensións da nosa clase obreira (as máis baixas do estado). Que nunca detiveron a bárbara destrucción do territorio, o “Ave” a alienación e españolización cultural e as brutais agresións lingüísticas.

Estatuto, “Europa”, “ modernidade”, o PCPG sempre manifestou que era un engano e un fraude acreditar nestas patrañas, supostamente beneficiosas para capitalistas e traballadores. Compre saber todo isto, compre non esquecer nunca!, Difundie e estar do lado do povo, tecer redeas de rebelión, de organización, solidariedade e de combate. Loitar e reaxir como aconteceu noutras épocas da historia e como demostraron feitos e combates relativamente recentes da clase obreira e amplos sectores do povo galego desde as fábricas, na rúa e no mar.

Non estamos derrotados nin “nunca tanto choveu que non escampara”, como di o noso retranqueiro dito popular. Temos un povo combativo e indómito que se ergue contra esa “realidade” que nos expolia, proscribe e relega. Hai unha clase obreira conscente que fai fronte con decisión aos abusos do capital. Temos un povo que rexeita as políticas asimilistas que atacan sen piedade a nosa lingua nacional e marxina a nosa cultura popular. Temos umha Galiza rebelde (que non se confundan!!) que non está disposta a acatar máis séculos de tiranía e asoballamento, que loita e que esixe liberdade e respecto para todos e todas os que se rebelan, para todos e todas aqueles/as que son represaliados, presos ou desterrados nos cárceres dun Reino que é en si mesmo cárcere de nacións e de povos.

E temos, por riba de todo, a razón histórica do noso lado, porque do seo do povo traballador, do noso lado, xorden con máis forza colectivos que organizan a rebeldía popular e de clase necesarias; mozos e mozas, homes e mulleres dignos e lúcidos que non dimiten nin se resignan; obreiros xenerosos e capaces para organizaren resistencias e combates contra a bestialidade imperialista e a explotación capitalista, contra a marxinación e infame submisión das mulheres ou contra o decaemento nacional desta patria milenaria; contra a inxustiza social e a represión en todas as súas formas; contra as guerras de ocupación e barbarie imperialista ou contra o deterioro ambiental, etc

Nós temos fe no noso Povo e dende a unidade da esquerda consecuente (revolucionaria e soberanista) que habita nesta Iniciativa Popular pola Autodeterminación que é Causa Galiza e no amplisimo espazo do soberanismo que hai máis alá(que temos que gañar), continuaremos os vieiros de loita contra os proxectos imperialistas e sucursalistas (como queira que estes se manifesten) que traten de perpetuar a nosa dependencia e submisión. Isto é: na loita polo direito inalienabel e democrático de AUTODETERMINACIÓN E INDEPENDENCIA e máis alá, POLO SOCIALISMO.

Loitar pola nosa liberación nacional é unha constante dos e das comunistas galegos do PCPG ao longo da nosa historia de máis dun cuarto de século, porque sabemos que ela é unha condición sine qua num para a transformación socio-económica e o progreso e, na época en que estamos, un direito de todos os povos, un direito democrático irrenunciabel na loita por unha sociedade socialista.

Nós temos fe no noso povo e abriremos as portas dun caminho que só pode concluir no obxectivo compartido dumha REPúBLICA GALEGA SOCIALISTA e sen explotación.
Avante co noso povo trabalhador, con unidade e con espirito de máxima xenerosidade e sen particularismos!. NADA PARA NÓS, TODO PARA O POVO!

-Adiante a nosa unidade e loita común pola Soberanía Nacional

- Pola República Socialista Galega!!

Partido Comunista do Povo Galego (PCPG)