Na Asemblea Nacional de Causa Galiza que tivo umha ampla participación [e que contou coa presenza de varios camaradas do PCPG], decidimos avanzar na estratexia de socialización do dereito de autodeterminación e a acumulación de forzas.
Nutrida asistencia e ampla participación foron os dous elementos que caracterizaron o último Plenario Nacional de Causa Galiza. As 50-60 persoas que asistiron ao debate dos textos presentados pola Comisión Técnica validaron en liñas xerais a análise de conxuntura, a estratexia de acumulación de forzas a desenvolver por Causa Galiza e o modelo organizativo no que se operan melloras para facer máis efectiva a intervención social da Iniciativa Popular pola Autodeterminación.
A supresión do calendario anual de traballo, que
será definido por períodos trimestrais coincidindo coa celebración dos
catro plenarios anuais; os axustes organizativos decididos para a
Comisión Técnica; a necesidade de continuar afondando na
territorialización de Causa Galiza e a implementación dunha política de
aproximación da reivindicación autodeterminista ás demandas e
problemáticas concretas da sociedade no actual marco de crise
socioeconómica configuran, alén das citadas, algunhas das resolucións do
Plenario Nacional.
Mobilización nacional para o 6 de decembro
Alén dos acordos, o PN validou a
creación dunha comisión de Propaganda e Material para superar o
“voluntarismo e improvisación” que, segundo os textos base,
caracterizaron o traballo de Causa Galiza neste nivel. Finalmente,
definiuse tamén o calendario de actividades a desenvolver no presente
trimestre.
A reunión do máximo órgano de decisión da Iniciativa Popular pola Autodeterminación resolveu organizar unha mobilización nacional sobre o 6 de decembro
como denuncia do marco constitucional e reivindicación do recoñecemento
e o exercicio do dereito de autodeterminación para Galiza. O obxectivo
da campaña será “por de novo na rúa a necesidade de superarmos o actual
marco xurídico-político” e sinalar “a súa natureza antidemocrática”. [Sobre o último Plenario de Causa Galiza realizado o pasado 22 de Outubro. Tirado da web de Causa Galiza]