[Gustavo Luca]
Na foto, o autor do artigo, Gustavo Luca (con boina) con Mónica Chacin, cónsul de Venezuela, o cónsul de Cuba Alejandro Fuentes Hernández e o camarada Xosé Meis nun acto organizado polo Partido Comunista do Povo Galego [PCPG] e a Asociación de Amizade Galego Cubana "Francisco Villamil" na Vila do Grove)
Na foto, o autor do artigo, Gustavo Luca (con boina) con Mónica Chacin, cónsul de Venezuela, o cónsul de Cuba Alejandro Fuentes Hernández e o camarada Xosé Meis nun acto organizado polo Partido Comunista do Povo Galego [PCPG] e a Asociación de Amizade Galego Cubana "Francisco Villamil" na Vila do Grove)
Mariano Rajoy
defendía a “superioridade dos fillos de boa estirpe” nos seus anos de comisario
do fraguismo en Galiza.
Mariano Rajoy defendía a comezos dos 80, en artigos de prensa, que os fillos de “boa estirpe” superaban aos demais en razón da súa mellor herdanza xenética. O actual candidato do PP á Moncloa era entón comisario do fraguismo en Galiza, deputado autonómico, presidente da Deputación de Pontevedra e secretario de Relacións Institucionais da Xunta.
A publicación dos artigos “A Envexa Igualitaria” e “A
Desigualdade Humana”, destacados na páxina de opinión de Faro de Vigo no 83 e o
84, causou conmoción dentro do seu propio partido. Nestas colaboracións Rajoy
facía un esforzo didáctico para levar a todos os niveis de lectores que as
capacidades inscritas nos xenes por mor da herdanza determinaban sen apelación
o destino de cada persoa.
Nos artigos, o autor eloxia senllos libros de Manuel Moure
Mariño e Gonzalo Fernández de La Mora, dous nomes do búnker franquista que a
comezos dos 80 reviven o soño da xerarquía fascista través da sociobioloxía de
Dawkins e Wilson. Rajoy entusiásmase ante a idea dun fundamento científico da
sociedade de clases e declara a Moure Mariño e Fernández da Moura os seus
autores de cabeceira. Non se trata, desde
logo, dunha ilusión pasaxeira pois en posteriores entrevistas e
declaracións públicas defínese ata os 90 como lector de ensaios sobre a
desigualdade humana. No debate co candidato do PSOE (o 8 de novembro) declarou
que unha das súas maiores preocupacións actuais é o aumento da desigualdade na
povoación española.
Anos antes dos artigos de Rajoy, ese postulado xa era
obxecto de intensa discusión nas universidades anglosaxonas. O actual candidato
á presidencia non tiña noticia de nove títulos dos biólogos Richard Lewontin e
Leon Kamin, traducidos en castelán e galego. Richard Lewontin cualificaba o
determinismo biolóxico de falso argumento para xustificar as desigualdades
entre as persoas e os povos e para defender a necesidade de abandoar toda
esperanza de cambio das xerarquía de poder dentro do capitalismo posto que, en
liña co determinismo biolóxico e en expresión moi repetida por Fraga, “as
cartas xa foron repartidas”. Non é que o xenoma non teña unha influencia
poderosa sobre a nosa anatomía e psicoloxía, recorda Lewontin. En particular
posibilita o cerebro complexo da especie, que permite a natureza humana e unha
natureza social cuxa configuración límite descoñecemos.
Rajoy presentábase entón como abanderado da renovación da
dereita, o que non lle impedía defender a discriminación en función da herdanza
xenética. Un discurso tan politicamente incorrecto deixábao indefenso fronte
aos seus adversarios dentro do partido de Fraga. Xosé Luís Barreiro Rivas
gañáballe a man e recibía o nomeamento de vicepresidente da Xunta e valido do
incapaz Gerardo Fernández Albor, unha promoción pola que Rajoy pelexaba perto
de Fraga.
Mentres tanto, unha crítica das colaboracións racistas de
Rajoy, publicada en número 265 do semanario A Nosa Terra, provocaba por parte
do político aludido o envío de persoas de confianza ás redaccións para advertir
que os ataques contra el eran moi celebrados pola maioría caciquil e franquista
do que entón se chamaba Alianza Popular e pronto sería Partido Popular.
Roma non paga traidores
A pesar desta versión, para frustrar o seu ascenso no
partido, Rajoy non só escribía artigos racistas, senón que lanzaba por esas
mesmas datas unha resonante campaña en defensa de Alfredo Bea Gondar, alcalde
do Grove, que bloqueara durante case un ano a convocatoria de plenos
municipais. As fotos de Rajoy cunha bandeira de Alianza Popular en ristre,
asomado pola fiestra dun autobús cargado de militantes fraguistas, cunha
pancarta nos flancos que rezaba
“Resiste Alfredo, AP está contigo”, conseguíanlle o veto de Fraga á
vicepresidencia da Xunta. Fraga contaba co importante apoio electoral de
Vicente Otero “Terito”, capo dos contrabandistas de Arousa, e do seu
lugartenente o avogado Pablo Vioque. Rajoy non era menos amigo que Fraga de
“Terito” e víaselle tamén con frecuencia en compañía de José Ramón Barral
“Nené”, Luís Falcón “Falconetti” e José M. Prado Bugallo “Sito Miñanco”. Mais o
partido non paga traidores nin se fotografa con eles. Alfredo Bea Gondar e
Pablo Vioque recibirían a medio prazo condenas por narcotráfico.
O candidato que un día se declarou racista é agora, logo de
tantos contratempos, excepcionalmente prudente á hora de revelar o nome dos
seus autores preferidos. Confesándose lector impenitente, só recoñece afección
por Emilio Salgari e Xulio Verne, o que proba a súa vontade de manterse ao día.
Na súa recente autobiografía electoral "En
Confianza", editada polo propietario do diario A Razón, José Manuel Lara,
Rajoy elude todo recordo do tempo en que foi comisario de AP en Galicia. Tanto
na súa biografía oficial como nesta edulcorada descrición, modifica a data en
que foi nomeado presidente da Deputación de Pontevedra: foi en 1983, pero el
insiste en citar 1986.
En varias intervencións públicas moi posteriores ás súas
confesións de racismo, apenas disfrazado de sociobiología, Rajoy insiste na súa
teoría da supremacía da “boa estirpe”. O vicepresidente da Xunta de Fraga, Jose
Cuiña, morreu sen saber de onde tirara o actual presidente do PP aquela
división do mundo, e aínda do seu partido, en “birretes” e “boinas”. A militancia
que o aclamaban ao son de “¡Presidente, presidente!” na romaría do Monte do
Gozo (setembro de 2003) tamén ignoraba cal era o manancial ideolóxico daquel “Son
mellor, modestia aparte, que o líder da oposición". Igual podería dicirse
do seu exabrupto de 2007: "Para ser presidente do Goberno, deberían esixir
algo máis que ser maior de 18 anos e ser español".
Despois foi executor compracido dentro do goberno de Aznar da
disposición que impedía a entrada de albaneis e asistentas inmigrantes e
defendeu en Bruxelas unha directiva sobre inmigración que permite reter sen
xuízo até 18 meses a inocentes indocumentados.
[* publicado en Insurgente e Kaos en la Red]
*Gustavo Luca é xornalista, autor, entre outros libros, de "Fraga ,
retrato dun fascista" Editado por Kale Gorria