O PP, novo xestor dos mandatos capitalistas para o Estado español e
para Galiza, avanza na destrución dos servizos públicos. Tres novos
chanzos desta política liquidacionista asoman para o ámbito do Ensino
nos últimos días:
1.- A Xunta privatiza escolas infantís.
O PP quere pór fin aos “erros”cometidos polo bipartito, os seus
“excesos”: agora as Galescolas, antes o Plan de Normalización
Lingüística no Ensino... Dados a bautizar as cousas e a xente, as
neonatas Galescolas pasaron a chamarse GaliñaAzul. Para eles mellor
galiñas que galegas. Agora as galiñas van ser malvendidas na feira de
saldos á que está abocado o sistema de ensino público. Na súa concepción
dos servizos como fonte de beneficios a rede infantil é da que máis
tallada se pode sacar.
A privatización do Ensino non é un invento do PP. O sistema agradécelle
aos anteriores xestores socialdemócratas (PSOE e outros) a súa laboura,
porque tamén eles mantiveron ou aumentaron os concertos coa privada, as
prevendas á Igrexa católica, a mercantilización da Formación profesional
( mesmo pola vía dos fondos de formación para sindicatos afíns e
empresarios), o abandono da rede pública…Pero son insaciables.
Os novos xestores van a máis, o seu esquema social de traballadores
escravizados, desregulados, complétase cun exército de parados en lista
de espera permanente e cunha volta das mulleres traballadoras ao fogar
do que, dende a súa visión fundamentalista, nunca deberon marchar. Veñen
de privatizar as escolas infantís ao tempo que aproban unha suba das
tarifas das garderías. Fóra a Lei de Dependencia, fóra a Conciliación,
fóra garderías…
2.- O bacharelato terá unha duración de tres cursos.
O aumento dun ano de bacharelato, loado no seu momento por toda a prensa
“amiga” , supón a redución dun curso da ESO. Suman un curso de ensino
postobrigatorio e reducen un do obrigatorio. Algún sindicato “amigo” xa
avisa do maior beneficio que conleva a medida para os concertos da
privada. As cifras que en Galicia indican un 70% de alumnado na rede
pública deben ser invertidas. Menos ensino público, menos obrigatorio,
menos universal, menos gratuíto…
3.- O profesorado da pública contará con asistencia xurídica.
A Consellería de Educación vén de anunciar con rebumbio un novo servizo
de asistencia xurídica para o profesorado da rede pública. O servizo
será prestado (¡) pola empresa “Legalitas”. A empresa privada
“Legalitas” vai ser a valedora do profesorado. Por suposto o tema da
Responsabilidade Civil queda excluído. Traballadores públicos defendidos
pola empresa privada? Algúns parvos aínda han sentirse diferentes ao
común dos traballadores, como cando deixan os seus fillos e fillas en
mans da privada ou cando van aos médicos das mutualidades renegando da
Seguridade Social.
Concluíndo, que nos devolvan o roubado.
[Artigo publicado na páxina web da Central Unitaria de Traballadores-CUT]