21, 28 E 29 DE SETEMBRO EN VIGO. 40 ANOS DESPOIS DA FOLGA XERAL REVOLUCIONARIA DE 1972

[X. Collazo-PCPG] Fai agora 40 anos a clase obreira e povo trabalhador galego batíase heroicamente contra os vampiros do grande capital e os seus lacaios servidores que á fronte dos aparelhos do Estado fascista espanhol reprimían de xeito terrorista calquera sorte de contestación.


Desde as fábricas ou estaleiros de Ferrol e Vigo organizábanse e tecíanse firmes redeas de acción clandestina por homes e mulheres da vangarda da clase dos asobalhados, producindo levantamentos populares sen precedentes que ficaron para sempre na memoria do povo e na historia insubmisa da nosa Nación.

Ferrol en Marzo e Vigo en setembro mostraron mais umha vez o enorme potencial, a forza imensa da clase obreira cando ela se organiza, se une e decide combater pola súa liberdade e emancipación.

En días de setembro (como os de hoxe) pero en 1972 a clase obreira viguesa e todo o povo desta cidade e bisbarra combatían sen medo contra un aparelho tiránico, brutalmente represivo.

Foi umha folga (ou greve) de carácter xeral, que durou 15 días, co resultado de cárcere, tortura, persecución e despedimentos para miles de persoas do noso povo trabalhador. Mais tamén con importantes froitos de conquistas sociais e laborais que se arrincaron ao inimigo explotador e, por riba de todo, de erguemento do orgulho obreiro, nacional e de clase do Povo Galego.

40 anos despois, 1972 ten que ser materia de conhecimento polas experiencias vividas e porque sen ese alicerce poucas cousas se entenderían no devir do acontecer político e social do noso país até os nosos días. Mais alén da nostalxia, xustificada, e do tributo que lhe debemos á dignidade desa xeración e ás súas individualidades, estamos na obriga de aprender e coidar este legado e mesmo afirmarnos nas nosas raiceiras.

1972 é orgulho da clase obreira galega e semente de vencer!