A reacción e o fascismo avanzan; son PoPulares. Defendámonos loitando pola nosa Soberanía Nacional e o Socialismo!!


ELEICIÓNS AO PARLAMENTO GALEGO DESTE PRÓXIMO 21 DE OUTUBRO
A reacción e o fascismo avanzan; son PoPulares.  Defendámonos loitando pola nosa Soberanía Nacional e o Socialismo!!
Ao povo galego traballador
Compañeiras e compañeiros, camaradas:
Catro anos despois do estourido da crise xeral máis profunda que vive o sistema capitalista, estas son as segundas eleicións ás que nos convocan.
Cando se celebraron as derradeiras eleccións ao parlamento español, fai un ano, dicíamos que os xestores do réxime de explotación e opresión que sufrimos non tiñan capacidade nen vontade de aplicar medidas encamiñados a solución real dos problemas da clase obreira e do conxunto do povo traballador con programas contrarios aos nosos intereses e dictados pola tiranía da troika (UE-BCE-FMI) . Esta verdade é incontestábel. Nen daquela nen hoxe, os valedores deste sistema van defender o noso povo e país (Galiza) desta voráxine brutal coa súa xestión submisa á legalidade do reino de España, protectorado de facto desa troika.
É nese contexto de crise pavorosa de natureza terminal, do que os comunistas advertimos hai un ano (e tamén moitos anos antes), agora acompañado da terribel arremetida dos poderes económicos e dos seus aparellos de dominación contra os traballadores e traballadoras, que reafirmamos: 

Que esta convovatoria eleitoral adiantada máis de 6 meses por un governo da xunta do PP, que lembremos xa tiña mayoría absoluta, non está destinada a resolver ningún de tales problemas, pois eles son correa de transmisión sen ningún valor nen capacidade para intervir no que seica era da exclusiva potestade ante o pequeno imperio español, pola súa vez lacaio das medidas dictadas pola “troika”. Pola contra, de xeito disciplinado e sincronizado, actuarán entusiasticamente impoñendo tesoirazos,  “axustes” e o que faga falta.
As políticas de Feijoo-Rajoy son, como se ufanan eles mesmos en proclamar, a mellor medicina para se converter nos campións da “austeridade” e da “eficacia” capitalista expoliadora-privatizadora que agrede sen piedade todos os sectores da nosa estructura tradicional productiva e liquida o xa moi exiguo control do sistema financeiro para poñelos aínda aínda mais nas mans  e intereses alleos ao País.

Que a alternativa real a este estado de cousas tampouco vai vir do colaboracionismo domesticado das forzas parlamentarias de “esquerdas” que basean o seu modus operandi na mansedume e no espectáculo parlamentarista-burgués do que fan apoloxía, nin é posibel ningunha “saída” coas súas políticas cautivas, no fundamental, deste sistema de opresión do que son complementares e corresponsábeis. Non acreditamos en proxectos e maquinarias que non teñen na súa axenda un programa de combate ao servizo do povo traballador, que  fuxen sempre da ruptura co réxime (hoxe máis necesaria que nunca).

Os comunistas galegos organizados no PCPG hai case dúas décadas que apostamos por non concorrer nas distintas convocatorias eleitorais aínda que temos unha ámplia experiencia de participación unitaria, no plano local ou municipal, en candidaturas ou plataformas con outras forzas amigas. Mais lamentabelmente unha parte desa esquerda nacional política e social, revolucionaria e soberanista galega coa que partillamos loitas e identidades optaron de xeito precipitado,  unilateral e mesmo excluinte por opcións electorais non discutidas nen consensuados nas iniciativas unitarias e proxectos conxuntos conseguidos nos últimos anos.
Tal actitude, nun proceso errático e vertixinoso no tempo, alén de contradictorio e inconveniente para os intereses da construcción do referente patriotico e revolucionario auto-organizado no que estamos imersos, pode dificultar ou condicionar negativamente o contido transformador que tería que ter a “fronte” de carácter nacional, obreiro e “de esquerda” e a mesma utilidade ou necesidade de calquera candidatura unitaria a ela vinculada que, por certo, ningunha das nosas organizacións obxectaba ou poñía en dúbida.

Nesta situación e diante deste panorama para nós insatisfactorio nos mínimos, alleo á nosa vontade, o Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) non participou dese proceso ao que tampouco fómos convidados formalmente, mais deixando claro aínda así, que é preciso retomar os esforzos das iniciativas unitarias de grao superior, agora aparcadas, que terían de concretizarse e abrirse paso en breve.
Os e as comunistas galegos e galegas organizados/as no PCPG non somos indiferentes aos riscos, ameazas e gravidade do momento presente nin alleos ás perspectivas de rearme das forzas ultra-neoliberais e mesmo fascistas apoiadas nun posible e repetido éxito eleitoral do PP ao servizo de propósitos centralistas (imperialistas renacidos) e de fortísimos e desaforados poderes económicos e, aínda non estando na nosa man influir decisivamente neste eido nen sendo o noso papel “orientar os votos” consideramos que debemos chamar a parar o PP. 

Apelamos a trabar en todos os campos de batalla, agora tamén nas urnas, a hexemonía deste partido herdeiro do fascismo; o que mellor representa os intereses do noso inimigo histórico nacional e de clase e,  mais aló dos particulares encadramentos e simpatias partidarias agora conformadas ou da opción concreta que cada quen considere (no caso de achegarse á mesa eleitoral) a concentrar os votos nas opcións “nacionais, galegas e de esquerdas” mellor situadas. As diferencias (importantes en algúns casos) e os matices para despois.
E unha custión final na que nos reafirmamos máis outra vez:
A garantía do noso avance e ruptura definitiva con esta “negra sombra” está na unidade, na organización e mobilización sustentadas na consciencia crescente de clase e nacional do noso povo traballador e das súas organizacións, no compromiso revolucionario diario desde a  UNIDADE E A LOITA MAIS DECIDIDA para enfrontar o roubo e a explotación que supoñen os plans de agresión que todos temos que enfrontar.
En loitar decididamente pola nosa Soberanía e Autodeterminación Nacional; o que en chave leninista é "única e exclusivamente o direito de Independencia e o Socialismo para a Nosa Terra”.  
Pra que nos devolvan o roubado. Pra derrubar esta prisión!!
Viva Galiza Ceive e Socialista!!
19 de Outubro de 2012