31 de Maio en Marín. DEBATE: "NO SÉCULO XXI, OUTRO SINDICALISMO É POSÍBEL"

O próximo venres 31 de Maio o Colectivo Nacionalista de Marín e o Partido Comunista do Povo Galego organizamos un debate sobre a necesidade dun novo modelo de sindicalismo.
Nunha situación onde a explotación dos traballadores e traballadoras se vai acrecentando coas medidas adoptadas polos distintos gobernos mediante reformas laborais, incremento dos impostos directos e indirectos, o recorte das pensións ou baixadas salariais, faise máis necesaria que nunca unha volta aos principios do sindicalismo.
Estamos a padecer unha crise sen precedentes onde están fechando un gran número empresas e outras, como Pescanova, teñen grandes posibilidades de desaparecer deixando tras de si un grande número de desempregad@s. Os nosos sectores produtivos tradicionais, como o agro e a pesca, e o escaso sector industrial, como o naval, sofren unha agonía desde a entrada na Unión Europea (antes CEE).
Para saírmos desta situación é necesario un sindicalismo que non sexa de salón e en permanente disposición a ceder e  pactar con gobernos e patronal o empeoramento das condicións do pobo. Un sindicalismo que reaccione, mobilice, conciencie e defenda a clase traballadora. Un sindicalismo formado por traballadores e traballadoras, e non por profesionais do sindicato.
Para este acto contaremos coa presenza de Ricardo Castro, Secretario Xeral da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT), e Francisco J.R. León, representante do Sindicato Andaluz de Trabajadores/as (SAT) quen debaterán e falarán sobre un modelo de sindicalismo combativo, non pactista, apegado á terra e consciente da súa realidade nacional.
Este debate servirá para dar a coñecer, comparar e pór en común a experiencia de dous sindicatos pertencentes a dúas realidades nacionais distintas. Tanto a CUT en Galiza como o  SAT en Andalucía dan mostras día a día do seu carácter combativo defendendo aos traballadores e traballadoras. O SAT loitando por unha mellor distribución da terra, agora nas mans duns poucos propietarios, mediante ocupacións e a CUT, a pesares de seren un sindicato pequeno é un sindicato de referencia en conflitos laborais. [da nota de prensa enviada aos medios de comunicación]