27-S: Coa liberdade, apoiamos a Independencia de Catalunya e a candidatura das CUP-Crida Constituent

DECLARACIÓN CONXUNTA de solidariedade do Colectivo Nacionalista Marin, do Movemento Galego ao Socialismo e do Partido Comunista do Povo Galego sobre a situación en Cataluña e de apoio á candidatura CUP-Crida Constituent nas eleccións do vindeiro domingo

O Estado español, e o seu réxime ilexítimo, enfréntase a un desafío xigantesco e incontornábel no proceso de independencia aberto en Cataluña, que ten un novo paso nas eleccións plebiscitarias convocadas o 27 de setembro.
Este réxime, construído a partir da reforma ilexítima das estruturas franquistas hai catro décadas, tiña como obxectivos impedir a ruptura democrática para garantir a estabilidade da opresión nacional e a explotación capitalista na súa fase neoliberal e por medio de instrumentos como o Estado das Autonomías. No entanto, este sistema si afrontou importantes e significativas resistencias de sectores populares no Estado, en particular os movementos soberanistas e independentistas de esquerda, que aínda hoxe representan a principal ameaza para a súa supervivencia. A forza e constancia destes movementos contrasta coa cooptación das elites e a conformación dunha "esquerda" e sindicatos funcionais e imprescindíbeis, que ao longo das últimas décadas actuaron como baluarte do sistema, así como coa aparición recente de novas alternativas reformistas e rexeneracionistas, que pretenden substituir ou cooperar coas anteriores.
O exercicio da autodeterminación e a independencia son xa un obxectivo popular e inmediato no Principado de Catalunya. O desgaste da xestión institucional do sistema, prolongada durante 40 anos de autonomía, xunto co nivel de conciencia e a mobilización popular, e o impacto da crise na subxectividade, convertiron a independencia nunha auténtica alternativa de masas, que se vincula ineludibelmente a un proceso de democratización e conquista do poder popular.
É innegábel que a independencia do Principado representaría un paso adiante para as clases populares, para a vontade popular e para a xustiza social, e un golpe enorme para a oligarquía española, que enfrontaría a ruptura de estruturas de dominación e ocupación sostidas durante tres séculos en parte da nación catalá.
Todos os subterfuxios e excusas utilizadas para non respaldar a independencia só serven na práctica para contribuíren á continuidade do réxime español baseado na explotación e a dominación das nacións oprimidas, e para negar o dereito elemental e democrático á autodeterminación. O discurso do reformismo español, que pretende vincular o proceso independentista aos intereses particulares de sectores da mediana burguesía catalana, ligados a Convergència, só pode cualificarse de cínico. É certo que aproveita, deformándoa, unha parte da verdade nas dificultades e contradicións existentes.
De feito somos plenamente conscientes de que existen tanto bases como concepcións burguesas da independencia na Catalunya ­ao contrario do que acontece no noso país­ que pretenden encauzar o proceso, para manter os seus privilexios na medida do posíbel e desde dentro dun novo Estado. Son os mesmos sectores que devecen por manter a fidelidade ao capitalismo, á Unión Europea ou á OTAN, e que actúan de forma fantasiosa en grande medida, xa que dificilmente van asumir de forma plena as consecuencias do enfrontamento co Estado Español, e teñen tendencia a buscar novos pactos e falsas saídas, como xa demostran as numerosas vacilacións que alongaron excesivamente o proceso nos últimos anos. Mais o reduccionismo que equipara a independencia aos estreitos intereses de Convergência pretende ignorar que si existe un proxecto social na independencia que é propio das clases populares, que estas son as máis implicadas no proceso, e que este está dirixido cara a ruptura co marco sociopolítico e económico, de xeito que a independencia representará un avanzo extraordinario na democracia política e social, e conseguirase só desde a confrontación co Estado, danando con contundencia a oligarquía, que si está comprometida, sen ningún tipo de dúbida, co réxime imperante.
En realidade, a única estratexia verdadeiramente rupturista e alternativa, ante a que non caben neutralidades nin empates, é a independencia. O proceso avanzou por medio dunha inmensa mobilización popular e só poderá culminarse por medio da desobediencia civil e o enfrontamento co Estado español, que non é reformable. Posicionarse contra ela é obxectivamente poñerse da beira da oligarquía, cunha cumplicidade inadmisíbel co imperialismo.
O autonomismo e as vagas ofertas federalistas son camiños xa pechados. No entanto, somos tamén conscientes de que o Estado Español non vai tolerar democratica e pacificamente a independencia de ningunha nación. Por outra parte, é unha entelequia pensar que a plena soberanía é compatíbel co metabolismo do capital internacional e coas estruturas imperialistas máis importantes como a UE, de xeito que, aínda coa victoria independentista, tería que se iniciar un proceso constituínte dotado dun inmediato programa de transformación, enfrontado á continuidade da explotación, á perpetuación dos privilexios de novas elites económicas e á subsistencia das formas vellas de dominación no económico, no social e no político. Neste mesmo sentido, a construción dun novo Estado no Principat contribuiría a desenvolver máis a loita independentista e popular na maior parte da nación catalá, o resto de rexións históricas dos Països Catalans dominadas por España e Francia, que parten de diferentes niveis de conciencia política e dunha maior subordinación e identificación co marco autonomista, onde a loita nacional demostra a súa complexidade. Así, o movemento popular catalán vaise enfrontar nos próximos meses e anos a retos colosais no seu proceso de construción nacional, que precisarán da máxima solidariedade posíbel.
Ademais, somos conscientes de que a ruptura e a independencia no outro extremo da Península tamén contribuirá a abrir as portas da nosa propia liberdade, polo que traballamos sen descanso, do mesmo xeito que os avanzos do noso movemento ecoarán positivamente no resto de nacións do Estado.
En base a estas análises, e desde a nosa identificación e praxe como comunistas, independentistas e internacionalistas, queremos amosar o noso máis firme apoio á construción da República Catalana, así como o respaldo explícito á Candidatura de Unitat Popular­Crida Constituent nas eleccións plebiscitarias do 27 de setembro, como o instrumento máis útil para reforzar simultaneamente o poder popular e o proxecto independentista.
Apelamos expresamente aos milleiros de galegas e galegas que viven no Principado a votar pola CUP, reforzando á vez a alternativa independentista e o bloque popular, e a se implicar no proceso de construción dun novo marco sociopolítico ao servizo dos intereses populares, no camiño da ruptura coa ditadura do capital, coa Unión Europea e con todas as estruturas imperialistas. A liberdade haberá que gañala coa loita.
Na Galiza, a 22 de setembro de 2015
Colectivo Nacionalista de Marín
Movemento Galego ao Socialismo
Partido Comunista do Povo Galego