MANOLO BARROS, UN ESPELLO LIMPO.

O camarada Manolo Barros, no centro, o día da inauguración oficial do "Ano da Memoria" na Illa de San Simón na compaña de seu irmán e da Conselleira de Cultura
.
(Publicado en Galiza Indymedia)
En ocasións un erguese da noite instalado na desesperanza. Probablemente só sexa a inevitabel consecuencia de sobrepasar os corenta e encamiñarse aos cincuenta, o produto de tantos e tantos desenganos, personais uns, colectivos outros.

Neses momentos é cando un reflexiona sobre o paso das cousas: o planeta caese a cachos sen que os que teñen nas súas mans o poder fagan absolutamente nada por evitalo, as fendas entre o norte rico e o sur pobre son cada vez máis evidentes, a mocidade non ten horizontes, o mudar os gobernos parece non traer máis que novas capas de pintura no edificio, o Polisario segue a clamar no deserto, Lula e o seu fillo xa aprenderon a comportarse como os anteriores, non se deixa de polucionar, de envelenar ao planeta, senón ao contrario, esquécese a historia ou se solapa canallescamente, ou se conta de forma que calquera parecido coa realidade sexa pura coincidencia.. Homenaxe á II República

Neses momentos, os nosos faiados renxen como se fosen desmoronarse dun momento a outro.

Por iso, cando parece que todo cede, cando parece chegar o período onde xa non é posibel plantexarse máis que o esconder a testa como o avestruz, pequenos xestos case imperceptibeis, pequenas terapias refrescantes fan que algúns retomemos o fio ata a próxima depresión. O pasado día 13 de xullo sentín como a mirada e as palabras dun vello loitador que fixo da loita política a súa razón de vida me producían o efecto dunha dose para sair da neurose.

Na illa de San Simón, ao amparo das ondas, ese vello loitador algo canso xa polos anos, explicábanos aos que o acompañabamos como sobreviviu durante un ano da súa vida metido á forza naquel espazo, entre novembro de 1937 e novembro de 1938. Era por entón un adoescente que medrou rodeado de homes que primeiro esperaron gañar a guerra, para recuperar a República, e que despois, cando se perdeu, agardaron por uns aliados que fixesen caer aquel réxime oprobioso, aínda que xa sabemos que tipo de aliados eran. Cando foi un home adulto seguíu pelexando e volveu ao cárcere acusado do delicto de querer botar abaixo ao franquismo e, anos máis tarde, sería concelleiro na primeira corporación municipal xurdida trala Transición á oprobiosa monarquía "democrática", esa Transición que non foi outra cousa máis que unha traición aos que, coma el, levaban corenta anos pelexando por reinstaurar a democracia republicana.

Manuel Barros Montero, aos seus 85 perseverantes anos é un sopro de aire fresco, un exemplo para os cansos, un símbolo para os novos. Con el un ten que chegar á conclusión de que, ainda que os tempos non sexan propicios para a poesía, para a loita, para a ideoloxía, para as ganas de facer mudar este parbo mundo, hai que intentalo, unha e cen veces.
Del pódese dicir que estivo na política por convición e non para facer mudar a súa faldriqueira. O que el representa é o que fai mudar o mundo a mellor, seino, aínda que tamén sei que tralos homes coma el sempre hai listos dispostos a aproveitarse do seu traballo, pero iso non é o importante, nin quero reflexionar sobre elo agora. Se hai alguén no mundo que mereza un monumento, o quedar inmortalizado na Historia, eses son os homes que como Manuel Barros sempre foron fieis ao que pensaban e non fixeron da política un cambalache. Outros ao seu lado só son os capitáns "Memo" da política.
A mocidade aínda ten espellos nos que mirarse.

Ver video/documental de Cuchi Carreira sobre a vida e loita do camarada Barros
[CLICAR AQUI]