8 de Novembro. FOLGA DE ESTUDANTES. PARAMOS OS INSTITUTOS


PARA QUE A LINGUA GALEGA EXISTA!!
.
>>O galego no ensino, un dereito gañado a pulso grazas á mobilización. Como saberás, até non hai tantos anos o ensino en galego estaba prohibido e perseguido e a lingua e literatura galegas nin sequera eran materias impartidas nos colexios ou institutos. Ningunha das leis que se promulgaron en defensa do galego no ensino choveron do ceo. Todas foron resultado de moitas mobilizacións da comunidade escolar, moi especialmente do estudantado.
>>A presión do estudantado conseguiu que a Consellaría de Educación se movese. No ano 1995, como resultado da presión social, aprobouse o Decreto 247/95, unha norma que garante o noso dereito a recibir uns mínimos de ensino en galego. Só a partir de 2004, despois dunha masiva folga estudantil, a Inspección Educativa comezou a se dirixir aos centros lembrándolles que deben garantir os dereitos lingüísticos dos alumnos e das alumnas. Aínda así, esta norma continúa a vulnerarse en moitos centros de ensino.
>>A Consellaría de Educación non cumpre os tratados internacionais nin os acordos do Parlamento e o Congreso.
>No ano 2001, o Congreso dos Deputados aprobou cos votos a favor de absolutamente todos os partidos políticos a Carta Europea das Linguas, un tratado internacional de obrigado cumprimento que garante, por exemplo, o dereito colectivo de todos os galegos e todas as galegas a recibiren o ensino na lingua de Galiza.
>O Consello de Europa, que está encargado de velar polo cumprimento deste tratado, tiroulle das orellas á Xunta de Galiza no ano 2005 por non aplicalo. Porén, a Consellaría de Educación continúa a facer ouvidos xordos á súa obriga de cumprir os acordos internacionais.
>Tamén o Parlamento galego aprobou por unanimidade un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. No entanto, iniciamos un novo curso sen que a Consellaría de Educación aplicase aínda ningunha das medidas de dito Plan.
>> En democracia, os gobernos teñen que cumprir os acordos parlamentarios e os tratados internacionais.
>> A Consellaría de Educación mantén o modelo lingüístico máis retrógrado de todo o Estado. Galiza é a comunidade autónoma do Estado onde unha maior porcentaxe da poboación fala a lingua propia; ou sexa, que se fala máis galego en Galiza que, por exemplo, catalán en Cataluña ou basco en Euskadi. Porén, ao contrario do que sería de agardar, en Galiza mantense o modelo educativo que menos ten en conta a existencia da lingua propia, que segue colocando o idioma galego nunha situación de inferioridade. Así, moitos rapaces e moitas rapazas que falan galego terminan abandonando a súa lingua pola presión da escola. A inmensa maioría dos galegos e das galegas, independentemente do idioma que falen no seu día a día, non queren que a lingua galega estea nunha situación de inferioridade.
>> O estudantado mobilízase para que o galego teña futuro. O estudantado mobilízase por un ensino de calidade. Diante do evidente desinterese da Consellaría de Educación por mudar as cousas, vémonos na obriga de chamar de novo ao paro en favor da lingua propia de Galiza, logo do éxito da última mobilización pola galeguización do ensino, hai menos de dous anos. Demostrémoslle aos responsábeis da política educativa da Xunta que se a eles non lles importa a sorte e o futuro do noso idioma, a nós si.
>> NÓS CAMBIAREMOS O FUTURO. Nós seremos os protagonistas dos cambios históricos para a nosa lingua. Como? Mobilizándonos o 8 de novembro, parando as aulas de todos os institutos galegos. Farémoslle ver á Conselleira de Educación e ao Presidente Touriño que o galego si nos importa e queremos que exista.
Coa túa participación, coa de todos e todas, mil primaveras máis para o galego!