O 10 de marzo de 1972, eran asasinados en Ferrol pola policía, Amador Rei e Daniel Niebla, traballadores da empresa Bazán. Ademais, multitude de traballadores foron feridos de bala, producíndose posteriormente a detención de máis dun cento. O seu delito: a esixencia dun salario digno, menos horas de traballo e máis liberdade. A resposta do fascismo foi a máis cruenta represión, e os voceiros do Réxime falaron de “subversión comunista” e de “terroristas que perturbaban a paz”. Aínda hoxe non se depuraron responsabilidades por estes feitos.
10 de Marzo 2007
Esa data emblemática e tráxica para a clase traballadora, ven a referenciar desde ese día, as aspiracións dos traballadores e traballadoras de Galiza, na que se combina a loita diaria por mellorar as condicións laborais e salariais, coa alternativa estratéxica de avanzar na Liberación Nacional e de Clase.
Pasados trinta e cinco anos, seguimos a enfrontar situacións similares aínda que enmascaradas na chamada democracia borbónica. O neocapitalismo segue a ser a bandeira do Goberno ZP sen que se plantexe a derrogación de ningún dos últimos decretos anti-obreiros e tampouco miramos avances no actual Goberno Bipartito en Galiza respecto da capacidade de decisión do pobo galego.
A patronal cada vez máis cómoda neste sistema capitalista ultraliberal aumenta cada día os seus beneficios sendo a clase obreira quen sofre as consecuencias de tanta sobre-explotación, contando coa colaboración dos sindicatos situados no “pacto social permanente” e continuando o recorte nos dereitos conquistados pola clase traballadora.
Para a CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES/AS (CUT) a conquista de un Marco Galego de Relacións Laborais segue a ser unha aspiración clave para o Movemento Obreiro Galego, como para o conxunto da sociedade galega será acadar a AUTODETERMINACIÓN como Pobo.
VIVA O DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA!!!