3 DE MARZO. Manifestación pola plena Soberanía Nacional do Povo Galego

O Partido Comunista do Povo Galego apoia a manifestación nacional convocada por diversas organizacións da esquerda soberanista galega que se vai celebrar o próximo domingo día 3 de Marzo en Compostela.

Esta convocatoria unitaria “Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega. Por un proceso constituínte e de ruptura democrática. Chega xa de corrupción e de destrución social e cultural” é unha iniciativa case inédita nos últimos anos no noso país que, á marxe de lóxicas visións diverxentes, consideramos xusta, positiva e coherente ante o panorama de crise pavorosa que o conxunto do noso povo sufre como consecuencia da arremetida impulsada polo gran capital e o imperialismo europeu/español que, no caso de Galiza, nos aferrolla como poucas veces na nosa historia impoñéndonos bárbaras medidas e recortes sociais expoliadores e privatizadores en sincronía con propósitos recentralizadores (imperialistas renacidos) e desaforados poderes económicos que agreden sen piedade todos os sectores da nosa estructura tradicional productiva para poñelos aínda aínda mais nas mans  e intereses alleos a calquera posibilidade de control desde o noso País. 

Os permanentes embates  contra a sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos con intención de os privatizar; a quebra e destrucción da nosa industria naval,  gandeiría, agro-industria e pesca por decisión dos poderes económicos e políticos do Estado Español e da Unión Europea, o expolio permanente cuase colonial das riquezas mineiras e outros recursos naturais do noso país, coa mesma complicidade da Xunta, pon de manifesto a insolvencia e incapacidade do réxime autonómico, pola súa vez dependente dun ilexítimo Reino de España no que a corrupción própia (innata e incorrexíbel) do capitalismo é agudizada pola podremia xenética de todos os poderes, familias e aparellos do sistema monárquico tardo-franquista vixente, como se pon de arrepiante manifesto na actualidade. 

É nesta situación de emerxencia na que a xusta indignación do noso povo percorre todo o país, que os comunistas deste destacamento non podemos renunciar a estar tamén presentes nesta convocatoria que ten carácter e propostas que compartimos.

Non podemos deixar de ofrecer o noso modesto contributo a esa inmensa e necesaria tarefa de  explicar, organizar e impulsar a resposta e movilización para derrotar as infames políticas e os planos de agresión dos que somos vítimas como Povo e como Clase. É desde esta identidade mínima, que se expresa no chamamento unitario e que compartimos, que o PCPG apela a secundar a manifestación que se vai celebrar este domingo día 3 ás 12 da mañá desde a Alameda de Compostela.

Chegados a este ponto, queremos expoñer unha consideración: A nosa aposta por coincidir nesta loita co amplo abano das forzas nacionais e anticapitalistas própias do noso país pola que manifestamos o noso desexo de nos integrar na iniciativa parte da premisa de que ela non pode ficar, por enésima vez,  en xesto mediático interesado puntual senón necesariamente ligada a un compromiso real para a contestación e a mobilización social continuada e de RUPTURA e Proceso Constituinte, como ben dí o manifesto. Con vocación cotiá e permanente contra esta salvaxe ofensiva reaccionaria e antinacional, e en todos os ámbitos. 

Como vimos dicindo dun tempo a esta parte, a garantía do noso avance como Povo e a ruptura definitiva con esta “negra sombra” que pretende escravizarnos e atarnos definitivamente de pés e mans (ou liquidarnos) como Povo e Nación está na unidade, na organización e na loita sustentadas na consciencia crescente do noso povo traballador e das súas organizacións, no compromiso diario desde a UNIDADE E A LOITA MAIS DECIDIDA para enfrontar o roubo e a explotación que supoñen os plans de agresión que temos que enfrontar. 

En definitiva, en loitar decididamente polo exercicio e a conquista da nosa Soberanía e Autodeterminación Nacional que en chave leninista é, alén da libre capacidade de decidir como Povo e Nación, "única e exclusivamente o direito de Independencia e o Socialismo para a Nosa Terra”. 

Pra que nos devolvan o roubado!!. Avante con determinación e unidade contra o capital!!

Viva Galiza Ceive e sen explotación!!

28 de Febreiro de 2013