ENTREVISTA A URBANO MANEIRO (e IV)
Esta entrevista ten varias partes, das que estractamos resumidas 9 cuestións ou perguntas que me pareceron máis importantes (1).
Urbano Maneiro Martínez “Louro" foi durante anos, desde 1967/68, secretario de propaganda e responsábel do seu aparato, como se acredita aquí e como afirman camaradas que estiveron na dirección do PC neses anos, así como a documentación existente. (2)
A finais de 1972, algúns dos militantes da dirección local en Vigo deixan esas tarefas, como consecuencia do golpe represivo que veu a continuación da folga xeral de setembro, e prodúcese unha reestruturación organizativa, na que Urbano Maneiro é nomeado Secretario Local do PCG de Vigo, pasando a responsabilizarse do mesmo.
1. O teu trabalho era no partido ou nas comisións obreiras?
- No partido, era desde o partido onde de facía o traballo de dirección e tamén o da propaganda. Había unha concepción leninista da organización e entedíamos o sindicalismo como “correa de transmisión do Partido” (3) que se exercía de xeito natural na práctica cotiá, de tal maneira que os dirixentes obreiros non eran unicamente das comisións obreiras (ilegais) eran tamén do Partido e iso non exclúe que naquel movemento obreiro e sindical non existiran “distintas sensibilidades”, porén os homes e mulleres que daquela estaban á frente da luta obreira (até o ano 72), nas comisións, nos centros de trabalho e nas fábricas eran practicamente todos MILITANTES do partido: Benavides, Andrade, Bacariza, Xaniño, etc.
Foi aparecendo despois, a partir dunha altura determinada, despois do 72, o concepto dun sindicalismo concibido como “democrático” que en realidade caiu nun xeito de oportunismo e linha burocrática, con unha tendencia cara a “burocracia sindical” que partía do enganosa idea de que un sindicato para ser democrático non tinha que ser “dependente” do partido. Foi aquí cando se rompeu co concepto leninista do principio de correa de transmisión do Partido e sindicato.
Sobre isto debatin muito daquela, na organización, que aproveitou aquel momento para comenzar a “desglosar”/desvincular o partido do movemento obreiro. Tamén sobre este tema discutín con Carlos Barros que daquela suplantara a Carlos Núñez e a partir de 1974 foi cando o partido, que xa empezara a cuestionar tamén o mesmo principio do centralismo democrático, deixou de dar orientacións políticas e deixou tamén sen rumo o movemento obreiro, acelerándose a descomposición do Partido Comunista.
2. A túa relación con Napo, Mara, Hierro, Abelardo Collazo (grupo que constituiu OO)?
- Recordo que eles distanciánranse, non había posibilidade de conciliar posicións, era visto que intuían a deriva oportunista e reformista que ía ter o PCE e o PCG... Abelardo Collazo veu a visitarme para que lle explicara como se confeccionaban os clichés, proporcionarlle información sobre temas de propaganda, cousa á que accedín. Expliqueille, conversamos, pero non foi posíbel porque, claro...
3. A túa misión dentro do Aparato de Propaganda cal era?
- A minha misión no aparato de propaganda era redactar as octavelas, os camaradas reuniámonos no Comité Local, debatiamos, cada un exponhía as súas ideas ou pontos de vista...e a partir daí eu facía unha síntese do que se falaba na reunión e do que se comentaba na rúa, redactaba e confeccionaba a octavela, facía o cliché (mudei dúas veces de máquina de escribir, antes tinha unha Rémington, despois comprei unha Olivetti para evitar tamén que a policía detectara todo isto..). A propaganda neste tempo, incluído o ano 72 e mesmo un pouco despois do 72, o 90% das octavelas do Partido e das comisións obreiras, facíaa eu, chamánbanme o “octavillero” do Partido (sorrí..).
4. Lembras se houvo algún momento no que se levou ás asembleas ou discutiu o levantamento da folga?
- Si, houvo unha reunión do Comité Local do PCG. Había unha efervescencia, un ambiente propicio de luta que levou a consciencia de non reivindicar só económicamente, un salto cualitativo que colocaba xa reivindicacións de orde político que comenzaban a ter prioridade sobre as de tipo económico, entón, claro, nesa reunión que tivemos para ver que facer ante esta situación e dado que tinhamos información de que vinhan dúas dotacións policiais, de grises desde Valladolid cara a Vigo, a cuestión era nesa altura o que facer?. Se convocar á Folga Xeral ou non convocar..., entón nese momento a maior parte votou a favor de sacar aos trabalhadores á rúa, e antes de que chegaran os grises, mentres dous camaradas votaron en contra de convocar.
Non se volveu a plantear, pero notouse certa parálise..C. Núñez foise para Francia..., outro (Bv) veu a falar comigo pra dicirme “que ia facer unha casa ”, T. D. dixo que quería ir ao mar ou algo así...Houvo unha especie de “souflé” que que nos fixo baixar un pouco. Logo houvo que empezar a recomponher todo isto.., pero era claro que as condicións eran favorábeis para lutar e avanzar, e para provocar unha situación propícia para a ruptura democrática, e que non había outra saída, mesmo até porqué ante o proceso da unión europea do 70 se estaba configurando un marco de países integrados e até sectores do réxime sentían necesidade de saír daquela autarquía para “liberalizar a economía”.. e as principais forzas interesadas nisto eran precisamente sectores capitalistas do sistema franquista que xogaron precisamente un importante papel cando Carrillo se comprometeu a non tocar a monarquía nin a cuestionar a coronación de Juán Carlos, sempre e cando fose reconhecido o PCE.
Agora, o que está por ver é aquilo que nos falaban aos militantes, de que había “ruído de sables”, que había posibilidades de golpe...se segíamos na linha rupturista (“creba democrática”) e o que está clarísimo é que iso todo era un bulo para intimidar á militancia e empezar a descomponher o partido, porque non se sáe da autarquía nin se entraba no pretendido liberalismo económico se non hai unha apertura ás liberdades democráticas, e iso é o que se esperaba, tanto en Bonn como en Washington, que xogaron o seu papel.
Un golpe de estado estaba condenado ao fracaso naquel contexto dunha Europa que se abría ao liberalismo económico, iso está clarísimo, pero aquel oportunismo político... porque claro, a dirección do partido tamén se exercía desde fóra...e os seus componhentes tamén tinhan os seus anos e se cadra ao prolongar un pouco máis iso perdían a súa oportunidade de "incorporarse á política” do estado..
5. O aparato de propaganda do Partido editaba tamén propaganga para as comisións ou só editaban material do partido. E lembras se o aparato de propaganda en setembro do 72 funcionou “a cen”, digamos?
- Si, claro, a propaganda era toda feita tamén para comisións obreiras. E era toda feita/redactada por min, e si, era iso precisamente, o aparato de propaganga, o que máis buscaba a Brigada Político Social da policía, pero estaba ben montado e non tiveron xeito de chegar a nós, non sendo a "Ferreiro", alá comprando tinta na Coruña...
6. Lembras o dia que remata a folga, se tes conhecemento dalgunha octavela chamando ao trabalho, ou non foi así?
- Non, eu non me lembro diso, non tenho constancia diso..houvo máis ben un proceso de incorporación ao trabalho, pero non se sacou ningunha octavela.
7. E como membro do aparato de propaganda do que eras responsábel, eras tamén membro da dirección do partido?
- Si, estaba, si, e cando veu o golpe represivo Carlos Núñez foise para Francia, as súas razóns tería, e aquí pois ficou C. Barros...e C. Barros colocoume a min unha cuestión en certo momento: propúxome que eu pasara a ocuparme do Comité Provincial de Pontevedra do PCG, mentres el ficaba á frente do Comité Local do partido en Vigo. Ante esa proposición convoquei unha xuntanza de membros da dirección, incluso do Comité Central do PCG aquí en Vigo e Carlos Barros foi amonestado, pasando á base do partido por un periodo determinado e eu fiquei (era finais do 72) como Secretario (responsábel) do Partido, na ausencia de Carlos Núñez.
8. Pasados todos estes anos, como avalías a folga xeral de setembro do 72?. Foi positivo?, Foi negativo?, Durou demasiado?. Durou o que tinha que durar?
- Eu penso que foi positiva e que foi o que se di un proceso revolucionario. E eu entendo por proceso revolucionario cando a c
onsciencia política e a sensibilidade dos trabalhadores, cando o movemento se funde coa teoría, coa dirección que o partido lhe imprimía, cando se dá esa ensamblaxe, que é aí cando se crea un movemento revolucionario. E tivo un carácter de proceso revolucionario, iso é incuestionábel, ese era o caminho que se tinha que haber seguido en todo o estado e non cando se facían os discursos como os de Camacho posteriormente, cando o problema de Sagunto, en que dicía: “soluciones concretas a problemas concretos” e eu dicíalhe a moitos camaradas: pero, se todo o estado é un Sagunto!.
Xa se chegara a un oportunismo en que xa o partido aparece desvinculado de Comisións obreiras, do movemento obreiro...(Oportunismo) porque as comisións obreiras para ser un sindicato democrático non ten que renunciar ao princípio de trabalhar co partido nin a desvincularse da estrutura de cadros dirixentes do mesmo, pois esas comisións que levaran o peso da luta na clandestinidade eran tamén correa de transmisión do partido, non estaban estructuradas á marxe del.
Era así como se exercía a dirección sobre o movemento obreiro, que foi o que determinou o proceso revolucionario, que posteriormente non puido facerse pola incomprensión disto, e a proba é que non se produciu desde entón ningún feito desa natureza... iso era o que había que ter seguido.
9. Entón, para ti, houvo un fracaso do partido ao desvincularse do movemento obreiro?.
- Si, normal !!, iso unha, e a outra das cuestións foi a chamada “Reconciliación Nacional”, a interpretación disto, pois é outro factor que xogou en contra da ruptura democrática, da que finalmente se esqueceu e desbotou, por un modelo “democrático” de arriba abaixo, cando o que había que abrir era un proceso constituinte de abaixo árriba que decidira a forma de estado, democraticamente.
Notas e contexto:
(1) A entrevista é o resultado dun trabalho realizado a finais de maio de 2012, que combinamos con Urbano Maneiro. O esquema xeral das perguntas era o que no colectivo consideramos acaído para o resto dos companheiros/as que participaron nas entrevistas.
(2) No aparato de “axit-pro” da secretaría de propaganda, o responsábel era U. Maneiro formaban parte outros dous camaradas: Antonio Figueroa, que imprimía as octavelas que redactaba e confeccionaba Urbano Maneiro.
Os clichés, unha vez confeccionados, imprimíanse na multicopista que estaba na casa de Figueroa e que chegaban alí por mediación de L. González "Ferreiro". Vale a pena situar isto claramente, ante a danza de versións confusionistas e intereseiras que uns e outros están a difundir nas publicacións que se fixeron.
- Pola info da que disponhemos (e do que falaremos noutra ocasión), outro grupo militantes colaboraban nese trabalho da difusión da propaganda, e nas máis estrictas normas de seguranza que imponhía a clandestinidade.
3. "Correa de transmisión do Partido": A frase e principio leninista de “correa de transmisión del Partido” é unha proposta práctica concreta que sempre seguiron as orgs leninistas e prácticamente todos os líderes obreiros revolucionarios asumían como natural neste tempo. Para impulsar o movemento do proletariado e propiciar a súa unidade, para aumentar a organización e consciencia de clase, todas as orgs comunistas naquela altura definían que a revolución proletaria debía dirixila o Partido e concibían que os sindicatos son instrumentos subordinados. E tanto a independencia dos sindicatos, como a súa dispersión e "pluralidade" só eran defendidos por algúns partidos socialdemocratas e reformistas.
--No ano 1972 a estructura comunista viguesa era esencialmente: C. Núñez, como secretario ou responsábel local, e formaban parte tamén desta estrutura C. Barros, Urbano Maneiro Martínez “Louro” como Responsábel de Propaganda e J. C. Abal, que durante un tempo fora resp. da mocidade ocupábase agora da relación cos sectores profesionais.
O movemento obreiro das comisións apoiábase nun grupo de importantes activistas e líderes referenciais, como Xaniño, Isidro G. Gómez Montes, “Lucho” (Caride Simón), Bacariza, Benavides, Docampo, J. Garrido, Lamigueiro..e a preeminencia do movemento das comisións obreiras era indiscutíbel, con unha sólida estrutura organizativa.
_Recomendamos a lectura das tres "entregas" anteriores a esta_
Marco Ox