POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA. É HORA!

 


POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA

Desde o PCPG, saudamos a todos/as que se manifestan neste novo Dia nacional da Patria Galega.
Hoxe, xunto coa parte máis conscente do povo galego reivindicamos o noso direito a autogovernarnos e organizarm
os a nosa vida e o noso futuro como povo totalmente soberano.
Un ano máis demandamos algo que repetimos ano após ano desde as nosas limitadas e coutadas posibilidades informativas, algo que aínda repetido e reiterado non perdeu nen caducará até que conquerilo: o irrenunciabel direito democrático de autodeterminación, que en palabras de Lenine ou de Cónnolly, Fidel ou Ho Chi Minh é única e exclusivamente o dereito de independencia nacional en irmandade internacionalista con todos os povos do mundo, en primeiro lugar cos países do noso entorno de luita de clases, cultural, lingüístico e tradicional máis próximo (o da Lusofonía, digámolo abertamente).
Condenamos todo aquilo que nos aldraxa, que nos nega ou se opón secularmente o exercicio das nosas irrenunciábeis liberdades e dereitos nacionais, populares, progresivos e de clase.
Repudiamos con máis determinación que nunca un réxime cada vez máis alheo ao noso povo e a todos os valores democráticos, ese rexime monárquico imposto polo fascismo que subordina a nosa vida e porvir aos propósitos dos que se amparan nel, dos que se benefician destruindo os nosos medios de vida tradicional, noutrora abondosos de fartura comunal e do noso agro e mar, dos que nos expulsa ás cheas.
Erguémonos indignados contra esa "realidade" que nos proscribe e relega, porque Galiza é umha terra rica en recursos naturais e humanos, privada de producir para os seus propios habitantes e na que, por culpa diso, existe un mar de desemprego, prestacións de miseria, salarios e pensións inferiores ao promedio do Estado EspaÑol ao tempo que, ainda agora, centos de miles de mozos/as galegos/as tenhen que emigrar, para despois atopar os peores trabalhos e os salarios máis baixos.
Rexeitamos as políticas asimilistas que atacan sen piedade a nosa lingua nacional e proletaria e marxina a nosa cultura popular mentres que, desde o seu desdén neo-colonialista, chovinista e imperialista, infiltra e difunde entre a mocidade e o noso povo traballador a “inutilidade da nosa lingua, a falacia do bilingüismo e a especie mentireira da chamada cultura "común".
Condenamos os séculos de dominación imperialista e a tirania expoliadora que padecemos e esiximos liberdade e respecto para todos e todas os que loitan e se rebelan, para todos e todas aqueles/as que son maltratados ou mesmo son presos ou desterrados nos cárceres dun Estado corrupto e infame do reino de espaÑa que é, en si mesmo, cárcere de nacións e de povos.
Denunciamos e desenmascaramos aos paladins deste réxime, aos seus medios e plumíferos (posfranquistas e "demócratas de toda la vida") que coa complicidade duns novos autonomistas ben instalados manipulan e xustifican con todo tipo de mentiras. Son os mesmos que defendían hai pouco menos de 4 décadas o direito de Autodeterminación que desautorizan agora; os mesmos que, con descaro e impudicia criminalizan hoxe a súa simples mención propagando que no noso pais se teñen acadado cotas de autogoberno ("autónomo", claro está) seica nunca vistas, eses que se darán incienso, uns aos outros, na catedral Compostelana.
Mergullados no cinismo e a ignorancia que sementan non se decatan que do seo do povo xorden colectivos que organizan a rebeldía popular e de clase, mozos e mozas insurxentes, homes e mulleres dignos e lúcidos que non dimiten nin se resignan; obreiros e obreiras de enorme xenerosidade capaces para organizaren resistencias e combates contra a explotación capitalista ou submisión e decaemento nacional; contra a inxustiza social, contra o deterioro ambiental e contra a represión en todas as súas formas; contra as guerras imperialistas da OTAN e a UE, a barbarie imperialista e o ascenso, nunca visto nos últimos 75 anos, do nazi-fascismo que nos queren imponher as bestas da nova orde que sonhan con instaurar contra a humanidade.
É-nos grato ver ducias de miles de manifestantes saindo ás rúas do noso país para berrar que Galiza non se Vende!. Miles e miles de de persoas dignas de toda condición; traballadores e traballadoras galegos que se erguen en todo o país contra os plans destructivos que promove o grande capital por medio de celulosas que encheron de eucaliptos e lumes pavorosos a nosa terra, muinhos eólicos que non precisamos que rouban montes e mares, e impeden o porvir territorios; miles que luitan contra as privatizacións, a precariedade e inseguranza laboral, contra a represión e persecución da disidencia (especialmente a comunista e a independentista) e a violación de direitos políticos e sociais ou contra suba dos prezos. Son sinais inconfundibeis de que o povo galego traballador, a clase obreira e a súa mocidade luitan en defensa da Terra e contra do seu sometemento secular, combaten contra a explotación de clase e a opresión nacional a mans de corporacións expoliadoras do capitalismo transnacional.
Sabemos que o noso futuro inmediato baixo a súa dominación e despotismo capitalista e imperialista será de máis explotación e inxustiza social envolveito en todo tipo de sutilezas: Máis explotación e precariedade, máis destrución do territorio, menos servizos de transporte, menos sanidade, máis depauperización e máis ataques ao idioma, máis agresións á identidade e cultura nacional milenaria, a nosa, por ser a do povo traballador.
Porén estamos aquí, non nos importan nen impresionan os seus cantos de serea, as súas ameazas nen as súas reviravoltas e atavíos. Inspíranos a clarividencia e firmeza dos que combateron e loitan, daqueles que foron ou son paradigma de servizo á causa do noso povo trabalhador. Como dicia tamén algún dos nosos clásicos, "A AUTODETERMINACIÓN É CATEGORICAMENTE A ESENCIA DA LOITA DE CLASES NAS NACIÓNS SEN ESTADO", porque só "tomando control" dos seus recursos e do seu territorio pode o povo traballador galego avanzar cara súa emancipación, só facendo iso poderá comezar a construír unha sociedade de igualdade e xustiza social avanzada, o socialismo!.
O Partido Comunista do Povo Galego, como parte deste combate, noso desde o primeiro momento, apoiamos esta causa de todo corazón e apelamos ao noso povo traballador a sumarse decididamente a ela. Alén máis, no noso partido consideramos que temos que impulsar a luita consecuente, erguer a UNIDADE DE CLASE, pola base, por riba de siglas, por dereitos sociais e salários dignos. Impónse a REBELIÓN contra este rexime capitalista de corrupta “democracia” burguesa, rebelión na que toda a clase, incluída a luita das mulheres trabalhadoras, a metade do povo e da nosa clase, serán imprescindíbeis e terán o papel fundamental.
Hai 91 anos que a clase obreira en alianza cos labregos e con outros sectores sociais progresivos se mobilizaron por extensas comarcas do país e proclamaron a República Galega, episodio que por certo, axudamos decisivamente a resgatar muitas décadas despois (a primeiros anos 90) desde o noso partido.
Hai 50 anos que a nosa heroica clase obreira de Ferrol e Vigo, dirixida por consecuentes e probados dirixentes da clase obreira (algúns dos cuais nos agasalharon coa súa camaradería partidaria) se ergueron lúcida e coraxosamente, durante meses, contra o capital e o oprobio fascista. Estamos orgulhosos deles e delas!.
Aqueles episodios convertéronse en fitos que nos marcaron até o dia de hoxe, exemplos imborrabeis da luita de clases vitoriosa que tería que seguir a ser bandeira. Vidas de abnegación e impagábeis sacrificios, persecución e sangue pola causa do noso povo, traxectorias vitais pouco ou nada agradecidas e sobre todo tristemente esquencidas.
Desde o noso nacemento, hai ducias e ducias de anos (máis de 40), os comunistas galegos do PCPG sempre erguemos esses referentes, esas bandeiras de emancipación social e nacional. Referentes dos que consideramos clave elevar o nivel de unidade pola base, da clase obreira e todo o povo trabalhador, fronte á traizón e o seitarismo, pulando pola combatividade e consciencia política e ideolóxica e procurando compartir e aprender deste caminho, en primeiro lugar con todos os luitadores e luitadoras comunistas que son guieiro de práctica real e consecuente, sempre modesta e alonxada de todo seitarismo, da impaciencia, do expontaneismo e de todo suxectivismo ou engreimento ridículo, por muito que se adorne con efeitos "especiais” e daquilo do que temos fuxido sempre, os contoneos propios da pequena burguesía.
Neste país, aquí e agora, é preciso bourar arreo polos proxectos afirmados na verdade histórica da luita de clases, apostando con solidariedade e fraternidade, con audacia, intelixencia e lucidez por vieiros máis que trilhados de ensinanzas entre as que está a inexcusábel unidade que nos demanda o povo trabalhador; coa orientación do caminho verificado por aqueles camaradas que nos precederon e que nós reivindicamos tamén hoxe, con mesmas ou parecidas palabras de orde:
POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA!.
ALTO AO IMPERIALISMO E O FASCISMO!
O POVO É QUEN MÁIS ORDENA!.
 
25 de xulho de 2022.
Partido Comunista do Povo Galego